Partido Popular de Lugo

“Se facemos unha análise por xeodestinos, o balance aínda é máis clarificador do nulo compromiso da Deputación co turismo da Mariña”, afirma Javier Castiñeira

Se facemos unha análise por xeodestinos, o balance aínda é máis clarificador do nulo compromiso da Deputación co turismo da Mariña”. Así o afirma o voceiro do Grupo Provincial do PP, Javier Castiñeira, logo de estudar máis polo miúdo o Plan Extratéxico de Turismo 2017-2020 da institución luguesa.

 

Neste senso, considera que, malia detallar que as actuacións nesta comarca se basean nos seguintes eixos de actuación: turismo litoral, turismo agroalimentario e mariñeiro, e grandes eventos, o documento “tan só se queda nunha declaración de intencións”. “Somos unha comarca diferenciadora polo seu carácter costeiro, pero ningunha desas tres estratexias se conseguiu”. Proba delo, explica Castiñeira, é que “o papel da Deputación é absolutamente irrelevante, aparecendo unicamente en pequenas colaboracións con diferentes servizos xa xestionados por concellos ou pola propia Mancomunidade”.

 

Esta circunstancia é a que leva ao popular a concluír que “son tres anos perdidos”. “Nin os mesmos veciños nin os propios operadores asimilan turismo da Mariña coa Deputación de Lugo”, manifesta. E é que, segundo indica, “a promoción baséase nos carteis de obras que afean as zonas, estando a maioría desfasados, o que crea un efecto contrario”.

 

Traballo da Xunta

Por este motivo, Castiñeira, parafraseando o propio lema do Plan “Lugo Cambia”, considera que, “despois de que se gastasen os cartos neste documento, nada cambiou en Lugo e, moito menos, na nosa comarca”.  Diferente é, segundo o popular, o traballo que están a facer outras administracións por consolidar A Mariña nun destino turístico e, en consecuencia, converter este factor nun elemento dinamizador e potenciador da economía da zona.

 

Refírese o voceiro do PP á Xunta de Galicia que, coa colaboración da Mancomunidade, crearon unha xerencia propia para promocionar a comarca de forma conxunta e asinaron un convenio por valor de 190.000 euros para desenvolver accións específicas como a consolidación de produtos turísticos propios, a formación de axentes turísticos e a promoción do xeodestino, con campañas de divulgación nas redes sociais e perfeccionando páxinas webs de promoción turísticas. Este acordo renovarase este ano.