O Grupo Municipal do PP de Guitiriz agradece ao director da área sanitaria de Lugo que teña escoitado as suxerencias que lle trasladaron sobre o consultorio de Parga tras recoller as demandas tanto dos seus usuarios e usuarias coma dos veciños e veciña da localidade.
Os concelleiros do PP inciden en que “a Xunta garante a continuidade da asistencia sanitaria en Parga. Pronto se retomará parte da súa actividade asistencial e, en canto o permitan os protocolos da loita contra o coronavirus, o consultorio volverá retomar a súa actividade habitual”, sinalaron.
Trátase, polo tanto, “dunha boa nova” para a vila que volverá recuperar este servizo tras ser suspendido temporalmente debido á pandemia da covid-19 porque “as súas instalacións non permitían garantir as medidas de seguridade necesarias para atender aos pacientes nesta circunstancia” como é o caso da dobre circulación de persoas.
Os populares explican que “é importante recuperar o servizo en Parga”; sen esquecer tamén que “é necesario garantir a seguridade dos pacientes que acudan ao consultorio ante o coronavirus”.