Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde lamenta que o alcalde rexeitase destinar fondos do Plan Único aos autónomos que cesaron a súa actividade durante a pandemia

Os populares de Castroverde lamentan que o alcalde rexeitase destinar fondos do Plan Único da Deputación aos autónomos que cesaron a súa actividade durante a pandemia. Así o indican logo do Pleno celebrado onte e no que lle trasladaron a importancia de axudar a todos aqueles que durante estes meses viron moi mermados os seus ingresos ou non recibiron nada a consecuencia de estar parados.

 

Por elo, consieran que a decisión do socialista, que tamén é deputado, é un exemplo do fracaso da iniciativa do goberno provincial de usar este Plan para o covid-19 e unha escusa de útima hora para xustificar o apoio da Deputación, “pois nin os seus o respectan”, remarcan.

 

“Dende a Deputación díxose a bombo e platillo que os concellos poderían destinar axudas no marco deste Plan, evitando así crear un fondo específico. O Sr. Arias ben o sabe, que é tamén deputado, pero, sen embargo, el que debería dar exemplo, non o fai e di que é contraproducente porque os poucos empresarios que temos terían que pagar o IRPF. Que pensarán entón o seu presidente e os seus compañeiros? Queda claro que o argumento do Plan Único para o coronavirus se lles foi das mans”, salientan.

 

Dende o PP tildan a resposta dada polo socialista de “irresponsable”, pois “non axudar aos negocios pechados nestas circunstancias é dunha falta de sensibilidade sen precedentes e impropio de alguén que ocupa o cargo de alcalde”.

 

Por outra banda, critican que o Concello si que destine 215.000 euros do Plan ao rebacheo de vías sen ningún tipo de garantía, sobre todo, indican, “porque os que se fixeron con cargo ao plan do anterior xa volven estar en mal estado, o que evidencia que facer estes traballos non é eficaz”.

 

Gastos que se poden evitar

Dada a situación económica que deixa a crise sanitaria e que tamén fixo mella en concellos pequenos como o de Castroverde, dende o Grupo Municipal do PP non entenden como a entidade local destine 12.000 euros a revisar a numeración de vivendas. “Pensamos que non é o momento para facer cousas que poden esperar. Eses cartos ían mellor invertidos en axudar ás familias que están en ERTE ou aos negocios que estiveron pechados durante semanas”, conclúen.