Partido Popular de Lugo

O PP provincial denuncia que o pantalán do suprimido servizo de catamarán de Los Robles podrece no Miño e afea a imaxe da área recreativa

O goberno provincial presidido polo socialista José Tomé demostra unha incapacidade sen límites en moitas das áreas de xestión, e moi especialmente en todo o que ten que ver con fomento do turismo fluvial, ou, dito de outro modo, co aproveitamento dos recursos da provincia para atraer visitantes interesados na natureza e, concretamente, nos nosos ríos. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, á vista de que a Deputación eliminou, sen prever alternativas, o servizo de catamarán do Miño, en Los Robles, na capital lucense. Afundido, por desidia e abandono, o barco (Pelegrín I), agora depositado nun prado de Begonte, permanece o pantalán, o embarcadoiro que, mentres podrece, constitúe un potencial risco xa que está claro que o inseguro valado que debería impedir o acceso a el non o logra.

 

O portavoz popular sinala: “Unha vez máis demóstrase que a Deputación de Lugo está de costas ao turismo fluvial,  a pesar de que na provincia ten un potencial moi alto; pedimos que coiden as instalacións que hai e que as poñan en servizo”. Igualmente, destaca que “a estratexia turística da Deputación gobernada polo socialista José Tomé non existe, en contraposición á que deseñou no seu día Francisco Cacharro, que tantos beneficios aportou á provincia”.

 

Deixar podrecer os equipos parece ser algo habitual na xestión da Deputación, se nos guiamos -di Javier Castiñeira- por como actúa o goberno provincial en relación coa infraestrutura do desaparecido servizo de catamarán de Los Robles. En decembro pasado afundiu o catamarán, que xa levaba meses e meses ser estar operativo. Durante todo o tempo, a Deputación mantivo, e mantén, no río o pantalán, as plataformas que permitían o acceso desde a orela á embarcación. Alí seguen, pero  mal colocadas (a que toca a orela está inclinada) e rota a madeira nalgúns tramos. As vallas que impiden o acceso ao pantalán están separadas xusto fronte á rampla.

 

O portavoz provincial dos populares quere saber que pensa facer a Deputación con este pantalán, que, con algunha reparación, parece que aínda podería ser utilizado para fines recreativos. Neste momento, en Los Robles -sinala Castiñeira- o único que fai e dar mala imaxe nesta área recreativa tan utilizada por lucenses e visitantes.

 

Castiñeira considera que o goberno provincial debe unha explicación aos lucenses, que queren saber se hai algún plan para substituír os desaparecidos paseos en catamarán na capital lucense por algunha outra iniciativa na oferta de ocio da Deputación.

 

Por outro lado, hai que sinalar que en Los Robles hai unha árbore que caeu e levou por diante o peche do recinto. Como o incidente ocorreu hai xa algún tempo e a árbore segue alí e o peche sen reparar, o grupo popular quere saber que planes ten a Deputación para corrixir esta situación