Partido Popular de Lugo

O PP reclama a rehabilitación e posta en servizo do complexo recreativo de Aguasmestas, que leva pechado desde 2006

Os gobernos bipartitos (PSOE-BNG) na Deputación resultaron funestos para o complexo recreativo de Augasmestas, no Concello de Quiroga, ao pé do río Lor, moi preto da súa desembocadura no Sil. Construído en 1996, leva pechado dende o 2006. O grupo provincial do PP anuncia a presentación dunha moción para reclamar do equipo que preside o socialista José Tomé que dea os pasos oportunos para reabrir canto antes estas instalacións, que pese aos anos de abandono aínda ofrecen unhas condicións xerais perfectamente adaptadas ás esixencias do turismo fluvial a día de hoxe. Este complexo conta con zona de cámping, área recreativa, aparcadoiro para autocaravanas, cafetería, piscina, aseos e duchas, entre outros. No ano do 2004 acometéronse obras de ampliación consistentes en cinco bungalós e a rehabilitación de varias edificacións. Dende esta ampliación o complexo funcionou só durante dous anos. Coa chegada do bipartito á Deputación o complexo caeu en desgraza, e, como case sempre ocorre cando se deixan abandonadas instalacións así, sufriron accións de vandalismo. O organismo provincial executou obras nas instalacións, concretamente no ano 2017, por importe de 83.656,99 €., coa finalidade de repoñer os elementos afectados polo vandalismo e  polo paso do tempo, pero o complexo non volveu abrir as súas portas. No ano 2015 a Deputación adxudicou a xestión do complexo a unha empresa privada, pero despois de diversas incidencias, a día de hoxe continua pechado.

 

O portavoz popular, Javier Castiñeira, confirma que nos próximos días será presentada unha moción para, en síntese, reclamar do goberno provincial que faga as xestións oportunas para poñer en condicións de uso e funcionamento as instalacións de Augasmestas. Castiñeira visitou este complexo pouco antes do inicio da crise sanitaria e volveu a Augasmestas nos últimos días. Nestas visitas puido comprobar que se estas instalacións non están operativas só é debido á desidia na xestión por parte do equipo do socialista José Tomé. A abundante cantidade de herba e maleza de gran tamaño que hai arredor das instalacións supón un serio risco de incendio que podería danalas irremediablemente. Castiñeira declarou: “Hai que actuar antes de que sexa tarde, antes de que pase como co catamarán de Lugo, o Pelegrín I, que se deixou afundir no Miño, sen usalo, e agora podrece nun prado de Begonte. Hai que intervir sen máis demora”.

 

O portavoz popular desprazouse a Augasmestas á vistas das queixas expresadas tanto por lucenses que non entenden que este complexo siga sen uso, como do propio Concello de Quiroga. Castiñeira di: “As características destas instalacións están perfectamente adaptadas ao que requiren os usos propios do turismo de natureza, o que demostra a seriedade coa que foron deseñadas no seu momento polo goberno provincial presidido por Francisco Cacharro”.

 

O mesmo representante do PP sinala: “Comprobamos o estado de abandono destas instalacións. A planificación do turismo fluvial que deseñou no seu día, de maneira moi acertada, baixo a presidencia de Francisco Cacharro e que tantos froitos deu, está sendo abandonado sen alternativa polo goberno provincial presidido por Tomé. Hai que coidar o que temos e non deixar que se afunda, como pasou co catamarán Pelegrín I. Estamos de acordo en que se invista en vídeos e feiras, pero hai que coidar o que temos. Vemos que existen servizos, equipos e  instalacións como estas en estado de total abandono e que poderían estar funcionando perfectamente. Augasmestas está inutilizada e abandona pola deficiente xestión turística do actual goberno. Son unhas instalacións modernas nun enclave natural marabilloso na Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade, totalmente adaptadas ás novas tendencias. É inconcibible que se deixen caer instalacións que tanto costaron ás arcas públicas. Pérdese a posibilidade de obter ingresos para a Deputación”.

 

O portavoz popular considera que “están moi ben os encontros telemáticos do presidente Tomé cos representantes do sector do turismo na provincia, pero, visto o de Augasmestas, parece máis postureo que outra cousa: hai que intervir nesa área recreativa e hai que facelo xa”.

 

Castiñeira puido comprobar que as pezas do pantalán dos embarcadoiro están retiradas e practicamente cubertas pola herba; a entrada a algunha das construcións case está tapada pola herba; hai algún farol que perdeu a luminaria e del só queda o báculo; os bungalós non tardarán en estar seriamente deteriorados se non se poñen en uso.

 

A Deputación, por acordo da xunta de goberno de 23 de marzo de 2015, aprobou o prego de condicións do concurso para a concesión demanial das instalacións en Augasmestas. O mesmo órgano, o  8 de maio de 2015, resolveu a adxudicación do citado procedemento a favor do único licitador concorrente, a empresa Tourgalia Gestión. O Servizo de Contratación e Fomento informou o 20 de decembro de 2018 de que, como consecuencias da falta de formalización da concesión demanial, era posible incautar a fianza, de 10,574,63 €. O 11 de febreiro de 2019, dentro do prazo concedido ao efecto, a representación da citada sociedade mercantil presentou diversas alegacións na defensa dos seus intereses. Por último,  hai pouco máis dun ano, concretamente o 31 de maio de 2019, a xunta de goberno acordou iniciar o procedemento de caducidade como causa de resolución, así como proceder a incautación do aval.

 

Javier Castiñeira di que “única xestión do goberno bipartito en relación co turismo fluvial lucense se limita a prorrogar reiteradamente con Tragsa o servizo de catamarán, sen melloralo, e a desinvestir no que noutros anos foi unha verdadeira estratexia  da Deputación para o turismo fluvial lucense”.