Dende o PP de Burela manifestan que, “no pleno ordinario deste xoves observamos como, definitivamente e sen ningún rubor, o Bng asumiu os postulados socialistas, cos que leva coqueteando dende principios de ano. Nesta ocasión para aprobar os presupostos máis represivos dos últimos anos para Burela”.
Os populares din que “os dous socios políticos que se dan de progresistas (Psoe e Bng), diminúen a dispoñibilidade orzamentaria en máis de 132.000 euros, con respecto ao ano pasado, e incrementan coa súa decisión a carga impositiva, concretamente nos capítulos referidos a impostos directos, indirectos e taxas en máis de 142.000 euros con respecto ao 2019”.
“E todo isto nun contexto de crise socioeconómica en Burela. Quedou demostrado que ao contrario do que queren trasladar sempre estes grupos políticos, os recortes, non son monopolio dunha única formación. Está claro que os recortes teñen nomes propios en Burela, Alfredo Llano e Mario Pillado”, indican dende o PP.
Os populares destacan que, “sorprendentemente o Bng, esta vez ignorando o informe técnico de intervención, apoiou uns orzamentos totalmente irregulares nos que o Sr. Llano volveu a ocultar información, posto que non presentou a memoria, asinada por alcaldía, que debe figurar obrigatoriamente no expediente do orzamento”.
Por outra banda, todo aquilo que dende a formación popular advertiron nos dous últimos plenos, empezou a tomar forma. Segundo din “presentouse a primeira, e por desgraza cremos que non será a última, solicitude de información, por parte dunha das empresas que participaron no concurso de recollida do lixo e limpeza viaria, que é o preludio para unha posible denuncia xudicial do mesmo”. Neste senso o Sr. Llano, “nunha actitude claramente belixerante afirmou que o concello ía tomar medidas legais”. “Dende o PP queremos entender que será para defender, chegado o momento, os intereses do Concello, non para impedir que as empresas que participaron no concurso de recollida do lixo, soliciten libremente a información que estimen oportuna”, remarcan.
A este respecto, explican, “todo isto pasa por non facer as cousas de forma axeitada dende alcaldía e polo consentimento expreso da formación nacionalista ante as trapalladas que leva a cabo o Sr. Llano”.
Finalmente, cunha comparativa que se podería catalogar como “biométrica”, o Sr. Pillado recoñeceu que o seu partido nunca tivo intención de municipalizar o servizo de recollida do lixo e isto “casa perfectamente co que levamos dicindo dende hai moito tempo, o Bng moito predicar pero ningún trigo a dar”, sentencian dende o PP.