O deputado popular Óscar Poy presentou nos primeiros días do pasado mes de marzo unha solicitude de acceso e copia ao listado de fondos da biblioteca do Museo Provincial nese momento e o correspondente a 2018. A día de hoxe, tal información non foi posta a disposición do grupo popular. A documentación solicitada forma parte da investigación que leva a cabo o PP para aclarar o polémico expurgo efectuado na biblioteca do Museo en varios días do 2019. Poy di que cando non se facilita nos prazos fixados, ou, en todo caso, nun tempo razoable, a información que pide o grupo da oposición danse as condicións para elucubrar sobre os motivos e as intención que provocan a demora. Hai que recordar que desde distintos ámbitos da sociedade lucense difundíronse no seu momento noticias e artigos que, de corresponderse o seu contido coa realidade, suporían unha irresponsabilidade por parte dos xestores provinciais e un posible incumprimento da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, cuxo artigo 110 está dedicado ao patrimonio bibliográfico de Galicia; no seu primeiro punto establece: «Aos efectos desta lei, o patrimonio bibliográfico galego está constituído polos fondos e coleccións bibliográficas e hemerográficas de especial valor cultural».
Óscar Poy avisa de que a crise sanitaria en ningún caso poderá ser argumento válido para xustificar o retraso na posta a disposición do PP da información que solicitou en relación coa biblioteca do Museo Provincial. Di que así o demostra o feito de que outra petición de información, rexistrada varios días despois da relacionada co Museo, si foi atendida, concretamente na mañá de hoxe. Por iso, os populares apuntan que no caso do expurgo empeza a ter certo peso a sospeita de que se levase a cabo atendendo máis a criterios ideolóxicos que técnicos. En todo caso, é un asunto que espertou preocupación na cidadanía e que ten que ser aclarado debidamente, algo que non ocorreu ata o momento. O pasado 14 de xaneiro, o Grupo Provincial Popular solicitou formalmente acceso (e copia) ao expediente relativo ao expurgo de libros e outras publicacións levado a cabo durante 2019 no Museo Provincial. Cumprido o prazo de que dispoñía a Administración para dar resposta a dita solicitude, o goberno provincial non contestou. Debido a elo, o Grupo Provincial do PP, previa solicitude, acudiu á sección de Actas para ter acceso ao expediente do expurgo e copia do mesmo. Finalmente, o deputado Óscar Poy puido ver, pero non ter copia, dun informe, que non expediente, en relación co Proxecto de automatización da biblioteca do Museo Provincial: traballos técnicos anteriores á súa posta en marcha, así como un anexo que redunda no anterior. A primeiros de marzo, o PP solicitou o inventario de fondos da biblioteca do Museo nese momento e o do ano 2018.
O deputado Óscar Poy lembra que, en outubro e novembro pasados, publicáronse noticias nas que se daba a coñecer que o Museo Provincial de Lugo regalaba libros e tamén que a empresa do servizo de recollida de lixo e aseo urbano de Lugo se facía cargo da recollida do material bibliográfico ao que, deste xeito, se daba saída. A operación, sempre segundo informacións periodísticas, provocou comentarios críticos entre os propios traballadores do Museo. O xornalista Juan Soto titulaba así o seu artigo semanal: “El desprecio a los libros”. En ese artigo asegura que «muchos de los libros entregados a la Diputación de Lugo por Gayoso Carreira han formado parte del brutal expurgo que nos ocupa, sin respetar siquiera la singularidad del ex-libris del propietario». Asegura tamén no mesmo artigo o veterano xornalista lucense: «La misma suerte corrieron varios ejemplares de la voluminosa crónica del Congreso Eucarístico Nacional celebrado en Lugo en 1896, impresa en la tipografía lucense de Gerardo Castro (…)”. E así o cronista cita algunhas obras máis.