Despois de meses e meses de abandono no Miño, o catamarán Pelegrín I afundiu no río no pasado mes de decembro e, tras complexas peripecias para contratar o seu rescate, foi trasladado a terreos da Deputación en Begonte, onde sigue varado nun prado e completa o seu proceso de deterioro. O catamarán que operaba no entorno de Los Robles, en Lugo cidade, foi unha parte da oferta de ocio da Deputación, da que a capital lucense se viu privada, primeiro por incompetencia na xestión e, dende o naufraxio, por non dispoñer de barco para os paseos polo río. O PP quere saber, unha vez que comeza a recuperación da normalidade despois da crise sanitaria provocada pola covid-19, se a Deputación ten algunha previsión con respecto ao Pelegrín I e se proxecta algunha oferta de ocio alternativo á que supoñían os paseos en catamarán ao pé da capital.
O deputado provincial Óscar Poy considera, á vista do estado en que se atopa o Pelegrín I, que o goberno provincial decidiu non intentar a súa reparación. O barco, en medio de grandes herbas, ten un aspecto de ruína total. Así as cousas, Poy insta ao presidente da Deputación, o socialista José Tomé, a explicar aos lucenses que ten pensado facer, se é que pensa facer algo, para substituír a oferta de ocio que era o catamarán de Los Robles.
Os populares destacan que a estas alturas da desescalada, e á vista dos problemas económicos xerados pola crise sanitaria, é evidente que as institucións, e sinaladamente a Deputación, teñen que deseñar medidas útiles para atraer visitantes á capital lucense. Os paseos en catamarán eran un atractivo para os visitantes. Por iso, no PP, segundo sinala Poy, instan a Deputación a incluír na súa oferta de ocio, algunha medida para a capital lucense.
Por outro lado, o mesmo deputado popular indica que se o goberno provincial non pensa reparar o Pelegrín I é preciso que estude se é convinte proceder a despezalo e, de ser así, debe adoptar as medidas necesarias para elo. Xa é hora, di Poy, de que, se non vai ser reparado, o barco sexa retirado do prado no que, por certo, “constitúe un monumento á incapacidade de xestión do goberno presidido por José Tomé”.
O Catamarán Pelegrín I foi presentado no Miño, na capital lucense, no ano 2003, polo entón presidente da Deputación, Francisco Cacharro Pardo. Facía varias veces o recorrido entre Los Robles e Acea do Rei Chiquito.