O Grupo Municipal Popular presentará este vindeiro xoves unha moción para mellorar a seguridade pública nas inmediacións do cuartel da Garda Civil. “Esta moción ven motivada pola escoita continua que a formación está a manter con tódolos axentes implicados no día a día da nosa vila”, tal e como manifestan dende o PP.
Segundo as conversas mantidas polos populares cos representantes dos efectivos do acuartelamento local, “tanto a seguridade pública como o aparcamento, non só son francamente mellorables, se non que é imperiosa e necesaria dita mellora, tanto polas familias dos axentes que viven no Cuartel como polos numerosos usuarios, non só de Burela se non tamén doutros concellos da nosa comarca, que fan uso a diario desta instalación para a tramitación de moi variada documentación”.
Neste senso, explican que, tendo en conta as peticións formuladas polos profesionais da seguridade, propoñen ao Pleno a creación dun paso peonil elevado asfáltico e a incorporación de tres novos báculos, coas súas correspondentes luminarias, na beirarrúa fronte ao cuartel.
“Outra das grandes peticións ás que se lle deu traslado foi a necesidade de mellorar e aumentar as prazas de aparcadoiro no entorno destas instalación, posto que están consideradas de primeira orde dentro da comarca, prestando servizo a moitos concellos da mesma, polo que é habitual a presenza, non só de veciños e veciñas da nosa vila, se non tamén de municipios máis distantes, para efectuar múltiples trámites, atopándose todos eles con seiras dificultades á hora de atopar unha localización próxima para deixar o seu vehículo mentres as realizan. Evidenciase así, que as prazas existentes ata o de agora son claramente insuficientes”, manifestan.
Dende o PP indican que “existen soares lindeiros co cuartel que poden cubrir perfectamente, e con tódalas garantías, esa necesidade.” Trátase, en definitiva, din, “de cumprir coa seguridade e mellorar os servizos prestados á veciñanza de Burela e de toda a comarca e para iso, só é preciso a vontade política de facelo”.