Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro insta a Loureiro a superar a súa indecisión e a decidir como organiza o mercado dos xoves na praza Maior

O goberno municipal de Viveiro ten amplamente demostrada a súa habilidade para crear complicacións aos veciños, tanto polos erros na xestión dos asuntos municipais como -fundamentalmente- pola súa indecisión, polo medo permanente a resolver. Así pasa, din os concelleiros do Partido Popular, no caso do mercado dos xoves, na Praza Maior, que nin os veciños nin os comerciantes saben a que aterse, grazas, unha vez máis, a que a alcaldesa, María Loureiro (PSOE), non se decide a que carta quedarse para gañar ou non perder algún presunto voto ao seu partido.  

 

O portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, di que a alcaldesa practica iso tan cómodo do que vostedes prefiran, que non quero tomar decisións que o mesmo me traen problemas; para Loureiro, o caso e saír gañando politicamente como sexa. E como non quere decidir como organizar o mercado dos xoves, como busca o risco cero na toma de decisións, pois aí están vendedores e presuntos compradores sen saber a que aterse.

 

Rodríguez sinala que María Loureiro, alcaldesa indecisa, non sabe se ampliar o espazo reservado ata agora para o mercado ou, noutro caso, manter o mesmo espazo e reducir o número de postos. Son as dúas únicas solucións posibles para respectar as normas de seguridade sanitaria establecidas como consecuencia da covid-19. Pero Loureiro non quere decidir. O portavoz popular sinala: ““E logo, quen ten que facelo, señora alcaldesa? Nós, se gobernáramos, non teriamos dúbida algunha; pero, mire, tócalle facelo a vostede, e ten que facelo para evitar problemas aos veciños e aos homes e mulleres que viven de vender en mercados como este de Viveiro. Asuma a súa responsabilidade e goberne, que para iso lle pagan os veciños e non están os tempos para andar enredando cos postos de traballo e cos cartos da xente de Viveiro”.