Partido Popular de Lugo

“Segundo o Sr. Suárez, a culpa sempre é da Xunta, do PP de Ribadeo ou do chachachá; de todos, menos do alcalde”, afirma Daniel Vega

“Segundo o Sr. Suárez, a culpa sempre é da Xunta, do PP de Ribadeo ou do chachachá; de todos, menos do alcalde”. Así o indica o voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, logo das declaracións realizadas polo rexedor sobre os medios que participaron na extinción do lume de Pastoriza (parroquia de Ove) e a sabendas de que o camión do Concello leva meses avariado e se rexeitou solicitar a brigada contra incendios do Goberno galego.

 

“No día de onte, realizabamos dúas preguntas ao Sr. Suárez. Eran concretas: por que o camión motobomba non puido acudirá parroquia da Pastoriza e non se solicitan as brigadas. As respostas que deu son de mal pagador. Pero é moi sinxelo, o camión non acudiu porque  está sen arranxar dende hai meses e hai que instalarlle unha bomba, e se non que lle pregunte a algún coordinador do seu equipo e verá como acertamos no que dicimos”, destaca o voceiro do PP.

 

O PP defende a colaboración institucional

Con respecto ás brigadas da Xunta, sinala Vega, non a pide “porque non quere”. “A Xunta ofrécellas todo o ano, pero como son do Goberno de Feijóo non vaia a ser que leve el os méritos… A Xunta é unha administración máis como son a Deputación e o Goberno, e todo é necesario. Por tanto, ante a desidia, esiximos respostas á preguntas e, sobre todo, e colaboración institucional”. Daniel Vega incide nesta cuestión porque ata o lugar do incendio se desprazaron medios materiais e humanos da administración autonómica e incluso doutros concellos. “Nós somos colaboradores de Ribadeo e o que importa e nos importa é traer orzamento para que se beneficie toda a poboación”, conclúe.