Partido Popular de Lugo

O PP pregunta ao Goberno que alternativas ofrecerá aos viaxeiros lucenses se suprime o tren-hotel a Madrid e Barcelona, medida que rexeita

O Partido Popular quere que o Goberno aclare se suprimirá  definitivamente os servizos de tren hotel que conectaban Galicia con Madrid e Barcelona, que suspendeu ao fío da declaración do estado de alarma. Os senadores populares por Lugo formulan unha pregunta ao respecto para coñecer que alternativas ofrecerá se finalmente elimina o servizo, medida á que se opoñen.

 

Os senadores José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Lorenzo Varela indican na exposición de motivos que “Renfe suspendeu o tren hotel que conectaba Madrid coa Coruña, Pontevedra e Ferrol, e Barcelona coa Coruña e Vigo, deixando a multitude de viaxeiros sen alternativa”.  Recordan que “este tren pasaba polas estacións de Quiroga-San Clodio, Monforte de Lemos, Sarria e Lugo, na provincia de Lugo; paraba nas estacións lucenses de Quiroga-San Clodio, Monforte de Lemos, Sarria, Lugo e Guitiriz”. Segundo as informacións coñecidas ata o momento, “a operadora ferroviaria non prevé volver poñer en circulación o tren hotel unha vez que se renove o tráfico ferroviario tras o estado de alarma, o que supón o abandono de decenas de viaxeiros lucenses que utilizaban este medio de transporte para desprazarse a Barcelona e a Madrid, pero tamén a outros puntos do territorio nacional tan importantes como Ponferrada, Astorga, León, Palencia, Burgos, Zaragoza ou Tarragona”.

 

Os citados senadores din que é incomprensible que “o Estado recorte servizos básicos para os cidadáns na conxuntura actual”. Recorda que algúns medios de comunicación informaron en outubro de 2019 da intención de Renfe de cambiar o material do Talgo que percorría a liña entre Galicia e Barcelona, pasando por Lugo, por o dunha xeración anterior”. Indican que  “de feito, a operadora realizou probas entre Monforte de Lemos (Lugo) e Zaragoza cun convoi máis antigo ao utilizado usualmente, que non só tardaría máis, senón que tamén implicaría un empeoramento no confort dos viaxeiros”.  

 

Engaden: “Se finalmente Renfe leva a cabo o seu propósito de eliminar as liñas de tren hotel que conectaban ata cinco concellos da provincia de Lugo con outros puntos da xeografía española, deixará abandonados a decenas de viaxeiros que facían uso deste medio de transporte”. Por iso, queren que o Goberno aclare “que alternativas de transporte propón para as decenas de viaxeiros lucenses que utilizaban este tren, e como vai garantir que as frecuencias do transporte por tren entre a provincia de Lugo e a meseta, Madrid e Barcelona non se vexan reducidas?”.