O PP de Lugo anunciou hoxe que presentará iniciativas nas distintas institucións para esixir a restitución dos servizos de Trenhotel que unen Lugo e Galicia con Madrid e Barcelona en canto a situación sanitaria o permita. Unhas liñas que o Goberno central suprimiu con motivo do estado de alarma e que todo indica que non ten intención de reactivar. Para a deputada popular no Parlamento de Galicia, Raquel Arias, “o Goberno de Sánchez está utilizando o estado de alarma como escusa para cancelar servizos pola porta de atrás”.
Arias lembrou que o as conexións ferroviarias de Lugo e Galicia coa meseta xa levan tempo “pendendo dun fío”. De feito, en outubro o PPdeG presentara iniciativas na Deputación e no Parlamento para evitar a perda de calidade do servizo que estaba promovendo o Goberno central no tren nocturno a Barcelona, “cambiando os trens por outros máis vellos, máis lentos, máis incómodos e con menos servizos para os pasaxeiros”.
Os populares lembran que naquel momento os socialistas, “encabezados polo señor Tomé, cualificábannos de alarmistas e mentireiros, pero hoxe sabemos que os plans do PSOE eran aínda peores para Galicia”. “Non podo entender que un alcalde, que un presidente da Deputación poida seguir calando mentres o seu concello e a súa provincia van quedando illadas e apartadas da modernización”, engadiu Arias. Dende o PP de Lugo piden responsabilidade, “loitar todos xuntos para que o PSOE recapacite e este servizo poida seguir adiante”.
“Imos pasar de ser o desguace de Renfe a directamente non ter tren”, explicou a deputada, que expresou tamén a preocupación dos populares polas posibles perdas de emprego que suporía esta cancelación, aínda que “esta é a gota que colma o vaso” nun PSOE que xa viña “maltratando” as conexións ferroviarias da nosa comunidade. Así, lembrou que no último ano multiplicáronse os incidentes, e os retrasos e as avarías eran cada vez máis frecuentes nos trens que circulan pola provincia e pola comunidade, algo que os usuarios e sindicatos viñan denunciando, ao igual que o Partido Popular.
Un deterioro ao que os populares suman os múltiples incumprimentos dos prazos da chegada do AVE ou o anuncio que fixera o Estado de suprimir a venda e a atención presencial en taquilla en varias estacións, “prexudicando coma sempre á poboación do rural e das zonas menos habitadas”.
Os populares esixen, polo tanto, que “este Goberno, o máis desleal con Galicia na nosa historia recente, free a súa escalada de discriminación cos galegos e deixe de suprimir servizos que os veciños merecen e necesitan”, e en concreto “que paralice esa decisión de eliminar dun plumazo e sen alternativa o Trenhotel”.