Partido Popular de Lugo

O PP acusa ao Goberno de actuar como enterrador de Alcoa e insta aos socialistas lucenses a presionar a Pedro Sánchez para salvar a industria de San Cibrao

O Partido Popular de Lugo asegura con rotundidade que o Goberno presidido polo socialista Pedro Sánchez, co apoio do comunista Pablo Iglesias, é nefasto para Lugo como se demostrou desde os primeiros días da lexislatura. Agora confírmase unha vez máis ao ver que por culpa da súa inacción e da súa falta de compromiso, Alcoa-San Cibrao, que representa o 30% do PIB da provincia de Lugo, anuncia un despido colectivo que afectará a 540 traballadores. Os populares din que o Goberno central, coa complicidade dos socialistas lucenses e dos seus socios nacionalistas, moi sinaladamente dos alcaldes do PSOE, actúa como enterrador dunha industria que é vital para A Mariña e para toda a provincia de Lugo. O PP anuncia novas iniciativas institucionais en apoio de Alcoa e dos seus traballadores e indica que aínda queda unha pequena marxe de tempo, de semanas, que ten que ser aproveitada polo Goberno para tomar as decisións necesarias para que a empresa teña futuro.

 

Os populares destacan que a historia do Goberno de Sánchez e Iglesias con Alcoa é a da inacción e as promesas baleiras; en febreiro de 2019 prometeron un estatuto para empresas electrointensivas en tres meses e a día de hoxe aínda está sen aprobar coas alegacións formuladas pola Xunta e polos representantes dos traballadores. A falta dese estatuto, que estableza un marco estable de prezos asumibles da enerxía eléctrica, é a peza clave da situación na que se atopan hoxe a empresa e os traballadores, da que o Goberno foi reiteradamente avisado. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou a industria o pasado 25 de febreiro, xunto co presidente da Deputación, José Tomé, pero nada fixeron.

 

Os populares lideraron durante meses as iniciativas políticas en defensa de Alcoa-San Cibrao en todos os ámbitos institucionais e con asistencia a cantas concentracións convocaron os representantes dos traballadores. A peza clave para garantir o futuro desta industria era  o estatuto para empresas electrointensivas e o Goberno non quixo aprobalo. A presidenta provincia do PP, Elena Candia, declarou: “Dixémolo por activa e por pasiva, dixémolo nos concellos, na Deputación, no Congreso, en todos os ámbitos; a Xunta, polo seu lado, deixou claro o seu compromiso con Alcoa. Pero fallou o Goberno e fallaron os socialistas lucenses, que, por cubrirlle as costas a Sánchez, foron incapaces de presionar para lograr un estatuto como o que necesitan empresas como Alcoa. E estas son as consecuencias” .

 

No PP resaltan a responsabilidade que, ao seu xuízo, teñen os alcaldes socialistas da provincia de Lugo na situación que se vive nestes momentos en Alcoa. Destacan así que non tiveron o sentido da responsabilidade necesario para reclamar con firmeza do Goberno a aprobación dun estatuto electrointensivo como precisan empresas como Alcoa. Recordan tamén como o PSOE utilizou electoralmente esta industria. Así lembran que o estatuto non chegou no prazo prometido, pero serviulle á ministra Reyes Maroto  para facer campaña durante meses, con visita incluída a San Cibrao; prometeu o estatuto en canto se formase Goberno, pero foi unha mentira máis, como se comproba. Cando finalmente se presentou un borrador de dito documento, en febreiro de 2020 (un ano despois de anuncialo), era claramente insuficiente, opinión na coincidían as administracións autonómicas, o sector e os traballadores. Por iso, tres gobernos de cores distintas como os de Galicia, Asturias e Cantabria, pactaron alegacións comúns. Quedou demostrado así que esta non é unha batalla política, senón de defensa da industria lucense e do emprego.

 

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, destaca que a inacción do goberno e as súas decisións erradas son nefastas para a provincia de Lugo, como xa se viu co peche de Endesa-As Pontes, que daba emprego a numerosos veciños da provincia de Lugo. Candia espera que os socialistas lucenses cambien o paso e poñan os intereses de Lugo e de Galicia por enriba dos de partido e esixan do Goberno central que corrixa a súas políticas de xeito que non desmantelen a industria lucense. O PP presentará novas iniciativas en todos os ámbitos institucionais en defensa de Alcoa-San Cibrao, unha peza clave da economía non só da Mariña senón de toda a provincia. “Socialistas e nacionalistas teñen que elixir dunha vez se están co Goberno e deixan que siga fundindo a industria de Lugo, ou están cos lucenses e obrigan a Pedro Sánchez a cambiar a súas políticas industrias de xeito que non sexan nefastas para Lugo. Por non facelo ata agora, pasa o que pasa con Alcoa-San Cibrao”.