Partido Popular de Lugo

Varela: “Tomé levanta, co estado de alarma aínda vixente, o decreto que suspendeu os plenos e demostra así que non os houbo porque non quixo”

O grupo municipal popular de Monforte alégrase de que a presión política exercida sobre o goberno municipal dera por fin resultado e o alcalde levantara o decreto polo que suspendeu as reunións dos órganos colexiados do Concello. A portavoz dos populares, Katy Varela, destaca que, como dixo en diversas ocasións, non había limitación algunha para celebrar reunións tanto da xunta de goberno como do pleno e que, polo tanto, se non houbo sesións plenarias ordinarias foi unicamente porque non lle interesaba ao alcalde, ao socialista José Tomé.

 

Katy Varela declarou: “A día de hoxe, 27 de maio, co estado de alarma aínda vixente, o alcalde levanta o decreto polo que se suspendían as reunións dos órganos colexiados do Concello; polo tanto, dá a razón ao Partido Popular porque ao longo de todos este tempo dixemos que non había ningunha norma legal que prohibise a celebración dos plenos ordinarios, que tanto demandamos”.

 

A portavoz popular tamén declarou: “O alcalde aproveitouse da situación e tivo á cidade de Monforte sen ese foro de democracia que son os plenos, desde febreiro, que foi cando se celebrou o último de carácter ordinario; non volveremos ter outro ata o 28 de xuño”.

 

Os populares din que “queda demostrado claramente que o alcalde, o socialista José Tomé, aproveitouse da situación e que non lle interesa a participación democrática dos outros; polo que se ve, ten interese en gobernar ao modo absolutista”. Katy Varela sinala: “Alegrámonos de que, ao fin, despois da presión política que tivemos que exercer, Tomé levante ese decreto e se celebren de novos os plenos ordinarios e as xuntas de goberno. Queda claramente demostrado que non convocou sesións plenarias ordinarias porque non lle deu a gana”.