Partido Popular de Lugo

Negativa do goberno da Deputación a deseñar un plan con medidas para reactivar o tecido socioeconómico da provincia

O goberno da Deputación, é dicir, PSOE e BNG, opuxéronse á iniciativa do Partido Popular de deseñar un Plan Poscovid con medidas concretas para reactivar o tecido socioeconómico da provincia. Este foi o resultado da súa votación a unha proposta que, tal e como explicou o voceiro do PP, Javier Castiñeira, consistía en que o organismo provincial destinase 8 millóns de euros dos remanentes a este Plan. Destes, a metade serían para axudas directas ao tecido produtivo e o resto para a contratación de obra pública.

 

Castiñeira expuxo que a única estratexia do goberno provincial “é a de chegar tarde” e iso que dende o seu Grupo se ofreceron en varias ocasións para sentarse e traballar conxuntamente na desescalada, pero os populares obtiveron sempre a negativa dos dirixentes de San Marcos. É por este motivo polo que dende o PP se viron na obriga de solicitar un Pleno Extraordinario para que o executivo atendese a súa petición. Finalmente, este celebrouse a última hora deste martes, a pesares de que, tal e como dixo o voceiro popular, se podía buscar unha hora máis axeitada porque o tema o requiría debido á situación que atravesa o país.

 

Javier Castiñeira criticou así “non só a tardanza”, senón tamén “a estratexia de intentar silenciar á oposición; algo que non entendemos, dixo, porque o noso ofrecemento sempre foi colaborar”. “Tivemos que pedir un pleno extraordinario para poder falar; ofrecémonos a traballar como tamén o fixeron outras Deputación; pedimos que se montase unha comisión…  e vostede –en alusión ao presidente- rexeitounas. Nestes 65 días nunca nos xuntamos, algo que parece inaceptable nesta situación”, advertiu.

 

“Chegar tarde a todo”, única xestión da Deputación

O popular insistiu en que “a xestión da Deputación é a de chegar tarde a todo”. “O primeiro material que mercaron foi un mes despois de decretar o estado de alarma. Solicitámoslle o consorcio para desinfectar e tardou en mandalos. Pedímoslle que falase co tecido empresarial e dende logo se negou rotundamente tamén por vía telemática… A xestión foi tan nefasta que  está baseada en plans que xa existen como son o Plan Único ou as subvencións que xa están feitas”.

 

“Hai moi pouca vontade por parte deste goberno. A nosa vocación é a de colaborar. Por iso levamos 75 días, e dígoo con todo o respecto, pedindo que se nos escoite; que se monte unha comisión que vele polo funcionamento das medidas que se poidan establecer; que se poñan en marcha axudas para os empresarios que o están pasando mal e reactivar o tecido empresarial….Sen embargo, vostedes priorizan outras inversións”, remarcou.

 

A renglón seguido tamén lembrou Castiñeira que “sobre os 700.000 euros de suplemento dixo que non se podía por aspectos técnicos. O único que gastaron foron 250.000 euros para a compra de máscaras”, sentenciou.