Partido Popular de Lugo

O PP acusa a Tomé de intentar de novo que a Xunta faga o traballo que non fixo a Deputación

A corporación provincial celebrará mañá unha sesión plenaria ordinaria e outra extraordinaria, ambas por medios telemáticos. O Partido Popular que pediu insistentemente a convocatoria do pleno ordinario e promoveu a extraordinaria, ve frutificar así o retorno á normalidade democrática no pazo de San Marcos, que tanto demandou. Pero nesta volta á actividade plenaria despois do confinamento debido á covid-19, os populares comproban que os membros do bigoberno provincial (PSOE e BNG), que claramente non deron a talla nesta crise, optan de novo polo tacticismo político fronte á xestión, decántanse polo enredo como substituto do traballo eficiente en favor dos lucenses. Segundo o PP, se esta é a “nova normalidade” da que tanto leva falado o presidente do Goberno de España, é unha normalidade que en política de nova non ten nada e responde, como sempre, á estratexia de xogo revolto que tanto lle gusta a Pedro Sánchez. Como é habitual, tamén neste caso, socialistas e nacionalistas intentan desviar cara á Xunta a súa inacción e falta de xestión nesta grave crise sanitaria e nas súas consecuencias económicas, e fano, en palabras do portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira,  “con mocións-trampa”, nas que reclaman a Administración autonómica o reforzo da sanidade pública e un plan de reactivación económica, é dicir, o que xa fixo a Xunta e é incapaz de facer a Deputación”.

 

Os populares destacan que, segundo os resultados dunha enquisa publicada estes días por un medio de comunicación, só 1 de cada catro españois aproban a xestión do Goberno de Pedro Sánchez na crise provocada polo coronavirus. É comprensible, polo tanto, que, co seguidismo que fai Tomé do sanchismo, trate de sacarlle presión de enriba ao Goberno, e, á vez, intente tapar a súa moi deficiente xestión na provincia de Lugo con respecto a crise sanitaria e a reactivación da economía. E como pretende facelo? Pois como sempre: poñendo o foco na Xunta, que foi a Administración que mellor xestionou esta crise no seu territorio. No PP indican que tan boa foi a xestión da Xunta nesta crise e tan mala a da Deputación, que a administración autonómica acudiu antes que a provincial a atender as necesidades das residencias de maiores da propia Deputación. É un dato obxectivo, como é que a Deputación tardou 40 días en decidirse a conseguir material de protección sanitaria, e foi despois de moita insistencia do PP.

 

O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Lamentamos a nula disposición ao diálogo mostrada en toda a crise polo goberno provincial e que intente desviar a atención cara á Xunta de Galicia, que si fixo os deberes. PSOE e BNG presentan mocións-trampa, verdadeiramente sorprendentes, nun intento de escorrer o vulto da súa inacción e mala xestión da crise para botarlle a culpa á Xunta. PSOE e BNG pretenden demandar da Administración autonómica o que xa fixo, mentres a Deputación segue instalada na inacción”.

 

Castiñeira considera que as mocións-trampa do bigoberno provincial no pleno ordinario teñen por obxectivo ocultar que a corporación debaterá, poucos minutos despois, no pleno extraordinario forzado polo PP, a proposta popular para que a Deputación deseñe un plan de reactivación económica da provincia, dotado con oito millóns de euros, dedicados a apoiar ao tecido produtivo. “Esa é a cuestión principal da que se vai tratar, como ben sabe o presidente, e por iso convocou o pleno extraordinario dedicado a este asunto para as 14.00 horas, coa clara intención de que teña menos impacto social. Puido convocar este pleno extraordinario solicitado polo PP para as 10 da mañá (o ordinario empeza ás 11.00), pero non o fixo. Tomé equivócase: non amola así ao PP; así demostra Tomé canto lle importa o tecido produtivo da provincia, que é, como se ve, moi pouco”.