Partido Popular de Lugo

O PP tende de novo a man ao goberno monfortino para sumar e traballar conxuntamente para axudar aos veciños fronte a crise sanitaria e económica

O grupo municipal do Partido Popular mantén a man tendida en Monforte, ao igual que no resto da provincia, para sumar, para colaborar co obxectivo de que a acción do Concello sexa o máis eficaz posible na axuda aos veciños para superar as numerosas dificultades sanitarias e económicas derivadas da crise provocada polo coronavirus Covid-19. Así se puxo de manifesto na reunión mantida nas últimas horas pola presidenta provincial do PP, Elena Candia, e a portavoz popular na cidade do Cabe, Katy Varela, na que, ao mesmo tempo, mostraron a súa preocupación pola escasa vontade que demostra o alcalde, o socialista José Tomé, para tomar en consideración as propostas que recibe desde a sociedade monfortina e desde o propio Partido Popular.

 

A presidenta provincial do PP di que o obxectivo do seu partido é ser unha ferramenta útil para resolver os problemas da sociedade lucense, e de maneira moi sinalada en situacións especialmente complicadas como é a actual. Candia, ao fío da citada reunión, apuntou que é necesario que todas as forzas políticas entendan que o gran reto de todos os partidos nestes momentos e buscar fórmulas que permitan sumar, colaborar con eficacia. Neste sentido, Candia considera que son momentos de poñer en valor o concepto de participación. Así indica que deben ser tidas en conta as propostas que chegan desde distintos ámbitos da sociedade, non só desde o campo propiamente político.

 

Polo seu lado, Varela recordou as numerosas propostas que fixo o seu grupo, con total ánimo construtivo, ao goberno municipal, co fin de que o Concello xogue un papel determinante na axuda aos veciños para superar esta crise, nas súas diferentes vertentes. Lamenta que o goberno municipal, e sinaladamente o alcalde, o socialista José Tomé, non demostre interese en manter un diálogo fluído coa oposición e coa sociedade monfortina. Nesta liña aludiu á proposta feita polos médicos do centro de saúde de Monforte como é a peonalización de rúas do centro da cidade. Varela acaba de presentar un escrito no Concello para solicitar, de novo, a normalización da vida democrática no Concello e que, como parte dese proceso, sexa convocada sesión plenaria ordinaria da corporación, algo que non ocorreu nin en marzo nin en abril.