O Partido Popular asiste con máis preocupación que sorpresa ao espectáculo que é na Deputación a interpretación que fai o goberno presidido polo socialista José Tomé dos informes dos técnicos desta institución. Os informes, di o viceportavoz popular José Antonio García, que serviron para rexeitar a proposta do PP para incrementar en 700.000 euros a dotación do Plan Único con remanentes, úsanse agora para xustificar que se dediquen 3,3 millóns, dos mesmos remanentes, para axudas a concellos e asociacións para superar a crise provocada polo coronavirus Covid-19; serven o mesmo para un roto que para un descosido, segundo García, porque agora Tomé ten interese en que o que antes significaba unha cousa, agora signifique a contraria, porque así lle interesa. Á vista da situación, os populares reclaman que se fixen criterios obxectivos para o reparto dos 3,3 millóns de euros e avisan de que estarán moi atentos para evitar que a distribución se faga atendendo a intereses clientelares, partidistas e mesmo electoralistas.
José Antonio García lembra que o PP pide dende o inicio da crise sanitaria que, á marxe do Plan Único, a Deputación deseñe un plan de intervención directa para axudar ao tecido produtivo e impulsar así a reactivación da economía na provincia. Sinala: “A nosa proposta nada ten que ver con isto que anuncia o goberno provincial. Nós defendemos no seu día un incremento en 700.000 euros do Plan Único, que ten criterios de reparto obxectivos e acordados polas forzas políticas. Díxosenos que non era posible, porque recorrer aos remanentes implicaba vulnerar a regra de gasto. E agora con iguais informes, resulta que non hai problema para usar, non 700.000 euros, senón 3,3 millóns. E nada se di de cales van ser os criterios de reparto. Reclamamos que se fagan públicos os criterios que se van seguir”.
O mesmo viceportavoz popular avisa: “No PP estaremos moi atentos; non imos permitir, non calaremos, se o que se pretende é un reparto de cartos, tanto aos concellos como a asociacións, baseado en intereses clientelares e partidistas”. José Antonio García sinala que é intranquilizador que o goberno presidido por Tomé non quixese incrementar os fondos do Plan Único, de reparto obxectivo, e agora vaia a dedicar máis cartos para os concellos sen que se saiba baixo que criterios. Puntualiza: “E o mesmo coas asociacións; estaremos vixiantes para que eses cartos non se utilicen de xeito partidista, ou mesmo electoralista, e teñan utilidade real para superar a difícil situación que atravesamos”.
Os populares din que, tal como propuxeron, é preciso que a Deputación interveña directamente sobre o tecido produtivo, para estimular a reactivación da economía na provincia. “Hai xa moi graves dificultades económicas derivadas da crise sanitaria e non van desaparecer nos próximos meses se non se actúa con eficacia. O tecido produtivo está en situación moi complicada e precisa axuda, necesita axudas directas desde a Deputación. Esta ten que ser a prioridade: abrir unha liña de apoio ao tecido produtivo, que non ten nada que ver con isto que acaba de anunciar o goberno provincial”.