Partido Popular de Lugo

Daniel Vega pon en valor as obras na estación de autobuses de Ribadeo cun investimento da Xunta de 140.000 euros

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo e deputado autonómico, Daniel Vega, pon en valor “a importante renovación e mellora das instalacións e servizos que a Xunta de Galicia está a acometer na estación de autobuses de Ribadeo” cun investimento de 140.000 euros.  

 

O proxecto, adxudicado á empresa Desarrolla, recolle actuacións tanto no seu interior coma no exterior. As obras contemplan, de forma precisa, a renovación da cuberta da dársena, incluíndo a substitución do canlón existente; así coma a reparación da instalación eléctrica, a substitución da maioría das luminarias e a instalación de pantallas informativas electrónicas.

 

O interior verase mellorado coa reparación dos falsos teitos, a substitución dos elementos de carpintería e material sanitario; así coma coa aplicación de pintura nas paredes.  E no seu exterior acometerase a reparación do pavimento da zona de saída dos autobuses e colocarase un rótulo informativo.

 

Instalacións máis cómodas e eficientes

Vega destaca, por outra banda, “o compromiso da Xunta de Galicia con Ribadeo tal e como demostra este investimento da consellería de Infraestruturas e Mobilidade para acometer estas obras que teñen como obxectivo mellorar ofrecer aos usuarios da terminal ribadense unhas instalacións máis cómodas e eficientes”.

 

O popular explica, así mesmo, que “a mellora desta infraestrutura beneficiará tanto aos ribadenses usuarios da estación de autobuses coma aos visitantes que cheguen á nosa vila a través deste medio de transporte público ao ofrecerlles un servizo completo que incluirá información sobre as liñas dispoñibles e os seus horarios e que contribuirá, á súa vez, a mellorar a imaxe de Ribadeo”.