Partido Popular de Lugo

Os populares lamentan que non houbera mercado este martes en Vilalba e que o goberno local non dea a coñecer cando se volverán celebrar

O PP vilalbés lamenta que non se celebrara o tradicional mercado de produtos agrarios ao aire libre deste martes ante “a falta de previsión e traballo do goberno local”. É máis, “descoñécese cando se retomarán os mercados semanais na nosa vila”, critican.

 

“O goberno local non está nin se lle espera”, afirman os populares lamentando que, deste xeito, “non favorece a súa celebración e, polo tanto, tampouco a comercialización dos produtos agrarios locais de calidade” agora que se poden volver realizar despois de ser suspendidos con motivo do estado de alarma declarado por mor da crise sanitaria derivada do coronavirus.

 

Os populares indican que “o goberno vilalbés debería ter xa deseñado un plan de traballo para a súa celebración en condicións de seguridade establecendo, polo tanto, distancias entre os postos que desexaran acudir ao mercado para comercializar os seus produtos agrarios”.

 

Así mesmo, dende o PP de Vilalba lamentan que “o goberno bipartito non teña informado  aos responsables dos postos do mercado ao aire libre da posibilidade de volver retomar esta actividade”.

 

Compromiso da Xunta cos produtores agrarios

Dende o Partido Popular vilalbés aclaran que “a celebración deste tipo de mercados ao aire libre foi grazas á insistencia da Xunta de Galicia ante o Goberno central que os impedía na nosa comunidade; mentres que os permitía noutras coma Cataluña ou o País Vasco”.