Partido Popular de Lugo

Castiñeira di a Tomé: “Sánchez ten os ollos postos nos remanentes da Deputación; hai que investilos nun Plan Poscovid antes de que sexa tarde”

No pleno extraordinario da Deputación solicitado formalmente polo PP co fin de debater e consensuar  o Plan Poscovid, é dicir, as medidas de intervención directa da Deputación para axudar a superar a crise sanitaria e económica, os populares defenderán o uso dos remanentes de que dispón o organismo provincial para axudar ás empresas lucenses e para, en xeral, a reactivación da economía en Lugo. É preciso que a Deputación faga uso dos seus remanentes (como mínimo oito millóns do total de 67 millóns), para o fin indicado, canto antes para evitar que estes cartos poidan chegar a ser tutelados polo Goberno, tal como apuntou no Congreso, o pasado 30 de abril, a ministra de Facenda, co fin de cubrir aquilo ao que outras administracións non poidan chegar. Unha decisión deste tipo iría en contra da autonomía que a Constitución recoñece a municipios, provincias e Comunidades Autónomas, e crearía graves dificultades á Deputación para impulsar a reactivación do tecido produtivo da provincia. O portavoz popular, Javier Castiñeira avisa ao presidente, José Tomé: “Pedro Sánchez ten os ollos postos nos remanentes das administracións locais, como é o caso da Deputación; hai que investilos nun Plan Poscovid antes de que sexa tarde”

 

Os populares solicitaron un pleno extraordinario á vista de que o presidente da Deputación, José Tomé, non convocou sesión ordinaria en abril e rexeitou teimosamente as solicitudes do PP para que convocara unha reunión da xunta de portavoces; unha reunión cuxa finalidade sería a de analizar a situación na que se atopa a provincia a causa da dobre crise, sanitaria e económica, e establecer medidas de intervención directa do organismo provincial para axudar aos lucenses a superar a actual conxuntura. Unha das medidas que os populares defenderán no pleno extraordinario e a constitución dunha comisión formada por todos os grupos políticos e por representantes dos sectores produtivos e sociais, que debe ser a encargada de deseñar as medidas a adoptar pola Deputación, e avaliar o seu desenvolvemento.

 

O portavoz popular, Javier Castiñeira, recorda que o obxectivo do seu grupo é que a Deputación utilice os remanentes de que dispón para establecer axudas a empresas e autónomos; en síntese, ao tecido produtivo. “E hai que facelo canto antes, porque os lucenses precisan estas axudas e porque, se o Goberno avanza na liña esbozada pola ministra de Facenda, é moi posible que queira facerse cargo dos remanentes para os fins que considere máis adecuados”. Explica: “Se o Goberno fai tal cousa irá contra o principio de autonomía local recollido na Constitución. Pero o peor e que deixaría ao organismo provincial sen uns recursos que teñen que ser fundamentais para axudar aos nosos veciños a superar unha crise que xa crea e vai crear moitas dificultades en Lugo”.

 

O Plan Poscovid ten que incluír -di Castiñeira- unha decidida intervención na creación directa de emprego. Ademais do emprego que se derive da contratación de obras e servizos pola Deputación, é preciso estudar baixo que fórmulas se pode ampliar a contratación de traballadores pola Deputación.

 

O portavoz do PP insiste en ofrecer a súa colaboración e traballo para axudar aos lucenses a superar canto antes a crise sanitaria e as súas consecuencias económicas.