A concelleira do Partido Popular en Ribadeo, Elena Sierra alerta do malestar que está a causar o cambio de emprazamento do mercado dos mércores, sobre todo, indica, “pola repercusión económica que esta modificación conleva tanto para as tendas como para os negocios de hostalería”. Deste xeito, a edil considera “un despropósito” esta acción do goberno local, xa que “hai espazo suficiente para colocar os postos, pois, di, só están os da alimentación”.
Esta decisión sorprendeu aos populares, xa que se enteraron da mesma polos medios de comunicación; o que evidencia, remarca, que o alcalde actúa “sen consultar a ninguén”. Proba delo, é que este Grupo Municipal leva semanas demandando a constitución dunha comisión técnico público-privada, na que abordar, precisamente, cuestións como a referida, pero o rexedor continúa facendo caso omiso desta petición.
Elena Sierra reproba decididamente este modo de actuar, destacando que esta comisión sería a fórmula para tratar todas estas cuestións, así como as numerosas propostas que os populares plantexaron dende que o Goberno central decretou o estado de alarma.
Esta forma de actuar unilateral do dirixente local xa foi cuestionada en numerosas ocasións polo Grupo Municipal do Partido Popular, que, desta volta, veise na obriga de denunciar novamente debido á repercusión negativa que está a ter no mercado de proximidade e na actividade económica da vila.
Por este motivo, Sierra pide ao alcalde que abandone “esta forma de facer política que non conduce a ningures e que, se ten pensado seguir tomando decisións coma esta, comece por establecer un diálogo co resto da Corporación e incluso cos propios afectados, xa que só así se pode asegurar que as decisións non xeren aínda máis incertidume e malestar, como está a acontecer co cambio do mercado dos mércores”, conclúe.