O grupo provincial do PP presentou esta mañá no rexistro da Deputación a solicitude de convocatoria dunha sesión plenaria extraordinaria, para debater e aprobar propostas de intervención directa para axudar aos lucenses a saír da crise sanitaria e dos graves problemas económicos que xera. Como xa adiantou o portavoz popular, Javier Castiñeira, a intervención que propón o seu grupo inclúe tanto apoio mediante inxección de cartos nos sectores produtivos como prestación de servizos a cargo, por exemplo, do Consorcio de Bombeiros e do Parque Móbil. A solicitude da sesión plenaria prodúcese como consecuencia da negativa reiterada do goberno provincial, e sinaladamente do seu presidente, José Tomé, a atender a petición do PP para a convocatoria dunha reunión da xunta de portavoces na que se estudaran as propostas dos distintos grupos, se deseñase un plan fronte a dobre crise (sanitaria e económica) e se establecese o modo en que se faría o seguimento da aplicación das medidas acordadas. “Gustaríanos saber cales son os medos do presidente da Deputación que lle impiden convocar unha reunión da xunta de portavoces; parece que é un problema que tamén ten en Monforte, onde é alcalde, e ten que ser outro partido, o BNG, o que solicite estas reunións. Aquí, na Deputación, o Bloque tampouco ten interese, polo que se ve, en que se reúnan os portavoces. É un caso máis da incoherencia dun partido, o Bloque, que forma parte do goberno dunha institución, a Deputación, que, como di explicitamente, quere ver desaparecer; tamén incoherencia de Tomé, que fai na cidade do Cabe o que non fai na Deputación”.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, insiste en que o PP ten a man tendida para colaborar, para traballar lealmente para axudar a que a provincia poida saír canto antes e nas mellores condicións posibles desta dobre crisis que vive o país. Castiñeira apunta: “Fronte á vontade popular de colaboración, o goberno levanta un muro de illamento”. Aínda así, o grupo provincial popular vai seguir tentando abrir vías de participación, tanto para si mesmo como para os cidadáns. Con este fin defenderá na sesión plenaria extraordinaria que solicita a constitución dunha comisión integrada por representantes de todos os grupos políticos e dos distintos sectores produtivos e sociais da provincia. Os obxectivos deste grupo de traballo son varios, segundo a proposta popular. Por un lado, facer un diagnóstico de cal é a situación. Unha vez coñecidas as necesidades -explica Castiñeira-, o seguinte paso será poñer en común as propostas de todos e elixir aquelas que se consideren máis útiles e viables para axudar á reactivación da economía na provincia. Por último, a comisión terá como cometido facer o seguimento da execución das medidas acordadas, que, en conxunto, configurarán o Plan Poscovid da Deputación de Lugo.
O portavoz popular sinala: “Se algunha vez tivo sentido a creación dunha comisión no seo dunha institución, se algunha vez foi necesaria, é nesta ocasión na que a provincia, como o resto do país, vive unha crise de proporcións descoñecidas durante moitas décadas. Será moi difícil que o goberno provincial, e sinaladamente o seu presidente, encontre argumentos para dicir non a esta proposta nosa”. Engade: “É momento de deixar de lado os intereses partidistas e buscar puntos de encontro para ser máis eficaces no uso dos recursos públicos para superar a crise. É o que nos piden os cidadáns, aínda que, lamentablemente, parece que hai quen non quere darse conta ou, o que sería peor, opta polo interese de partido antes que polo interese dos lucenses. É momento de diálogo e de encontro, non de levantar muros fronte á sociedade”.