A medida que pasan os meses e avanza o mandato vai quedando claro, sen ningún xénero de dúbida, que o alcalde de Monforte, José Tomé, e algúns outros no seu partido (PSOE) só saben de participación e transparencia cando están na oposición; en canto chegan ao goberno, esquecen totalmente estes conceptos. Esta mañá, por fin, houbo reunión da xunta de portavoces; non era sen tempo e non foi por iniciativa de Tomé, senón do concelleiro do Bloque, Emilio Sánchez. A portavoz do grupo municipal popular, Katy Varela, aproveitou a ocasión para recordar que ten presentadas varias propostas de medidas que considera necesario que adopte o Concello para axudar aos veciños de Monforte a superar a crise sanitaria e as súas consecuencias económicas. Ao presidente da corporación municipal, que tan mal se leva con todo o que soe a participación, e que tan dado é á prepotencia disfrazada de institucionalismo, parécenlle, en síntese, innecesarias. O PP anuncia que insistirá na defensa dos dereitos dos concelleiros e, moi especialmente, no dereito dos veciños a participar por todas as vías posibles na vida do Concello, por moito que isto moleste a Tomé.
Varela indica que, na reunión da xunta de portavoces, o alcalde explicou brevemente os decretos emitidos desde a declaración do estado de alarma, así como o contido do plan Reactiva Monforte, que leva anunciando aos catro ventos dende hai días. A portavoz popular expresou o malestar do seu grupo pola pouca consideración que demostra o alcalde coa oposición. Recordou a proposta feita polo PP para a creación dunha comisión económica e social para decidir que medidas debe adoptar o Concello para axudar aos veciños de Monforte a superar a dobre crise, sanitaria e económica; a resposta foi a que cabía esperar dun alcalde que escapa de todo o que soe a participación: non considera que sexa necesaria esa comisión.
Varela tamén recordou que o PP reclama a celebración de plenos ordinarios, segundo o réxime de sesións que ten establecido o Concello de Monforte. O propio secretario indicou que a raíz da recente modificación lexislativa non hai problema algún para celebrar sesións plenarias ordinarias. Parece que o alcalde quere esperar a que sexan posibles as reunións plenarias presencias. A portavoz popular insistiu en que, tamén por necesidades de xestión, pero fundamentalmente por saúde democrática, é necesario retomar os plenos ordinarios, nos que os grupos políticos poden presentar mocións, rogos e preguntas, e os veciños teñen a posibilidade de intervir. Varela di que, dadas as actuais circunstancias, é posible que aínda se tarde un tempo longo en poder celebrar os plenos presencialmente con normalidade, polo que é imprescindible que haxa sesións ordinarias por vía telemática.