“A situación en Alcoa-San Cibrao complícase cada día máis e o Goberno presidido por Pedro Sánchez non acaba de sacar un estatuto para empresas electrointensivas que propicie as condicións que garantan o futuro desta industria”, sinala o portavoz do grupo provincial do PP, Javier Castiñeira. Os populares instan ao presidente da Deputación, José Tomé, a reivindicar do seu correlixionario político Pedro Sánchez que o Goberno “saque dunha vez o estatuto para grandes consumidores eléctricos que reúna as condicións indicadas tanto polo comité de empresa como pola propia Xunta de Galicia”. É necesario, sinala Castiñeira, que o Goberno garanta un marco estable de prezos asumibles para que Alcoa-San Cibrao poida seguir adiante e xogue o papel determinante que ten na economía da Mariña, en concreto, e da provincia en xeral. O PP anuncia a presentación dunha nova iniciativa neste sentido e en defensa do emprego e apoio aos traballadores contratados por medio ETTs.
Castiñeira sinala: “O pasado 23 de abril o grupo provincial do PP foi o primeiro en falar co presidente do comité de empresa de Alcoa e poñer enriba da mesa o afondamento dos problemas desta industria. Tal e como anunciamos ese día, despois de reunirmos esta semana cos representantes dos traballadores das empresas auxiliares afectados pola parada das labores de desbrascaxe e vistas as noticias que veñen desde a dirección da empresa e do comité de empresa, o grupo provincial popular volverá a instar ao goberno provincial, que ata hoxe nada conseguiu, a que reclame ao Goberno central a aprobación do estatuto electrointensivo, coas alegacións consensuadas entre Xunta, patronal e sindicatos”.
O portavoz popular na Deputación tamén declarou: “Parece que Tomé non escarmentou o suficiente no último pleno celebrado presencialmente, no que os traballadores o cualificaron de socialista de pacotilla e sigue consentindo que o Goberno teña secuestrado o estatuto electrointensivo, coa desculpa do Covid-19. No pleno defenderemos por igual tanto as peticións dos traballadores das auxiliares como dos traballadores das ETT afectados pola baixa de produción”. Engade: “E todo pasa por dous compromisos. O primeiro, que o Estado aprobe o estatuto electrointensivo coas alegacións; o segundo que a emprese cese nos recortes de produción e aposte pola modernización da planta”.
Javier Castiñeira destaca que “novamente o PP demostra que se anticipa aos problemas de Alcoa, mentres PSOE e BNG parecen non tomar en serio; o Bloque presenta mocións, si, pero como parte do goberno provincial nada conseguiu ata agora con respecto a Alcoa”.