Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte recolle as suxestións dos hostaleiros e solicitará ao Concello medidas de alivio tributario e que permita ampliar as terrazas

O grupo municipal do Partido Popular de Monforte levará ao Concello varias propostas de apoio ao sector da hostalería local, para superar as dificultades económicas derivadas da crise sanitaria debida ao coronavirus Covid-19. Así o anunciou a portavoz popular, Katy Varela, despois da reunión telemática mantida, na mañá de hoxe, por ela, Roberto Eireos (concelleiro popular e hostaleiro) e Raquel Arias (deputada, membro da deputación permanente do Parlamento de Galicia) co presidente da Asociación Provincial de Hostalería, Cheché Real, e a delegada desta entidade para a zona sur da provincia, Beatriz Vila Freire.

 

O PP monfortino mantén encontros telemáticos con representantes de distintos sectores para coñecer que pode facer a Administración local para prestar axuda eficaz a cada un deles. Esta mañá a reunión foi con directivos da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería (APEH). Os representantes populares destacaron que este é un sector fundamental na economía monfortina, en concreto, e da zona sur en xeral, e xoga un papel decisivo na creación de emprego.

 

No transcurso da videoconferencia, os representantes dos hostaleiros apuntaron dúas medidas que poden ser aplicadas polo Concello e que serían de gran relevancia para o sector. Por un lado, a autorización da ampliación das terrazas, imprescindible dadas as necesidades de espazo que impoñen as medidas para evitar contaxios e as limitacións de aforos.

 

Por outro lado, os hostaleiros queren que desde o Concello se preste apoio ao sector pola vía tributaria, mediante a exención ou a bonificación de impostos.

 

O grupo municipal do PP xa presentou distintas iniciativas no Concello para deseñar medidas de apoio para a reactivación económica. Unha das propostas foi a creación dunha comisión, integrada por todos os grupos políticos e representantes dos distintos sectores dos tecidos produtivo e social, cuxa finalidade sería a de asesorar no deseño do plan de intervención municipal.