Partido Popular de Lugo

Castiñeira a Tomé: “Céntrese en resolver os problemas reais da provincia e deixe de usar a Deputación para facer oposición á Xunta”

«Céntrese en resolver os problemas reais da provincia e deixe de usar a Deputación para facer oposición á Xunta”. Este é o consello que esta mañá deu o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, ao socialista José Tomé, despois de coñecer a información difundida polo PSdeG-PSOE sobre a videoconferencia mantida polo seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, cos presidentes das deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo.

 

Á vista das críticas dedicadas ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, polos participantes no citado encontro telemático, Castiñeira declarou: “Non imos admitir que se use a Deputación de Lugo  para facer oposición á Xunta, ao goberno de Galicia”. O portavoz popular considera que é “chamativo que o señor Tomé accede a facer este tipo de uso da Deputación para buscar rendemento político e partidista; como moito, de querer abordar este tipo de crítica, debería facelo como responsable do PSOE de Monforte”.

 

Javier Castiñeira manifestou: “Pedimos a Tomé que se centre na solución dos problemas reais da provincia de Lugo, que é o seu campo competencial e no que lle queda moito por facer”. Engadiu: “O presidente da Deputación está chegando tarde a todos os asuntos que son relevantes para a provincia, e así, por exemplo, aínda non estableceu unha liña de axudas para os empresarios para colaborar para superar os problemas económicos derivados da crise sanitaria; aínda lle queda por repartir moito material sanitario de protección fronte ao Covid-19; e ten pendente tamén reunirse coa oposición, co partido con máis deputados provinciais, o PP”.

 

O portavoz popular di que “Tomé o único que fai é gobernar a golpe de decreto. Ten que empezar a escoitar á oposición, e cando se lle pide consenso, cando se lle pide falar, o mínimo é facelo, escoitar á oposición”.