Ante as declaracións realizadas polo alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, en relación á adxudicación do novo contrato dos servizos de recollida do lixo, limpeza viaria, xestión do punto limpo e limpeza de praias que foi debatido no último pleno extraordinario celebrado de forma telemática; o Grupo Municipal do PP manifesta o seu rexeitamento ao que consideran “mentiras e ameazas do rexedor e o Grupo Municipal Socialista”.
-
É mentira que a adxudicación do contrato destes servizos municipais lle corresponda á mesa de contratación porque a competencia corresponde ao Pleno Corporativo segundo a memoria xustificativa do órgano de contratación aprobada no pleno do 29/11/2018 e asinada polo alcalde tal e como recolle o apartado C.1.
-
Na mesa de contratación non só figuran técnicos cualificados aos que o alcalde fai referencia; senón que tamén estiveron presentes o Sr. Llano e o Sr. Fernández, ámbolos dous representantes políticos. Así o recolle o apartado L.1. da memoria xustificativa. É máis, no apartado M.3. consta que “non procede a composición do comité de expertos ou organismo especializado de valoración dos criterios que dependan un xuízo de valor”. É dicir, non se tivo en conta a ningún especialista neste tipo de contratos; senón que foron o alcalde e o tenente de alcalde os que valoraron estas cuestión técnicas.
-
É o propio alcalde o que dirixe esta proposta ao Pleno tal e como consta na proposta de adxudicación do contrato do servizo de recollida de residuos urbanos do 15/04/2020.
-
Sobre as acusacións de irresponsabilidade vertidas polo alcalde sobre o Grupo Municipal Popular por votar en contra da proposta, queremos aclarar que o Pleno da Corporación é o máximo órgano de goberno dun concello e que os seus membros deciden, cos seus votos, o que estiman oportuno dentro da legalidade. Consideramos, ademais, que o único irresponsable é o señor Llano, que quere realizar unha subida de prezo de 156.000 €/ano no recibo da recollida de lixo; mentres acusa da súa incapacidade de xestión aos grupos da oposición.
-
Rexeitamos a perda das formas do alcalde durante o último pleno e as descualificacións por parte do señor Ramiro Fernández ao portavoz do Grupo Municipal Popular ao considerar que o seu comportamento dista bastante do dunha persoa que queira chegar a un acordo para acadar os votos necesarios para sacar adiante os temas que van a pleno. Ninguén en ningún momento se puxo en contacto con nós para negociar nada sobre o contrato de recollida do lixo en Burela de cara a este pleno.
-
Sobre as palabras nas que nos acusan de ser “moi pouco rigorosos” e “non argumentar” o noso voto en contra, queremos explicar que a proposta que levou o goberno local a pleno incrementa o custe do contrato actual en preto dun 24%. De feito, para coñecer máis detalles do contrato para a súa valoración, o portavoz do Grupo Popular preguntou se o contrato incluía a xestión dos colectores para a separación dos residuos orgánicos; pero o señor Ramiro Fernández non respondeu. Polo tanto, todo parece indicar que non a inclúe e, polo tanto, a contía final do servizo incrementaríase nus 80.000 euros e a subida sería, finalmente, de máis de 230.000 euros.
-
A emenda do Grupo Municipal do PP, igual que a do BNG, chegou en tempo e forma. Polo tanto, as propostas de cambio sobre as contías dirixidas a obras puideron ser negociadas e, incluso, se o señor Llano tivera consultado e consensuado previamente a proposta do Plan Único 2020 cos partidos da oposición antes de presentala, puidéronse ter evitado.
-
O Grupo Municipal do PP aclaraba na súa emenda as cantidades a dirixir a cada unha das partidas que consideramos necesarias porque nesta situación entendemos que hai que priorizar recursos:
-
un 10%, ata achegar aos 40.000 euros, cando menos, para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)
-
incremento da partida destinada á loita contra a Covid-19 pasando dos 10.000 euros propostos polo goberno socialista a máis de 132.000 euros
-
23.000 euros para unha nova obra de acondicionamento do peche e instalacións accesorias do campo de fútbol municipal de herba artificial da Marosa onde acoden centos de nenos a adestrar
-
-
O Grupo Municipal do PP non ten coñecemento da existencia de ningún expediente de remanentes que recolla os 200.000 euros que o alcalde asegura que o goberno local quere destinar a políticas sociais derivadas da Covid-19. En todo caso, consideramos unha vergoña que os presupostos deste ano están sen presentar cando o señor Llano xa anunciou publicamente nos medios de comunicación que os levaría a pleno en febreiro, logo en marzo, e dúas veces en abril.