Partido Popular de Lugo

Candia: “O plan de reactivación cultural e turística deseñado pola Xunta será un impulso fundamental para a Ribeira Sacra”

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, mantén unha intensa actividade por medio de videoconferencias, tanto no seo do propio partido como en relación cos representantes dos distintos sectores produtivos de cara á reactivación económica a medida que avance a desescalada do confinamento debido a crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19. Unha das entrevistas telemáticas mantidas por Candia esta mañá foi co presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián, alcalde de Sober, e co senador José Manuel Barreiro.

 

Ao finalizar o encontro, Candia indicou que a Ribeira Sacra, á espera de ser declarada Patrimonio Mundial, vive con preocupación fronte aos próximos meses, pero con confianza no resultado da aplicación das medidas anunciadas polo presidente de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no marco do Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico fronte aos efectos derivados do Covid-19. Na conversa con Guitián, quedou de manifesto que o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra valora moi positivamente o citado plan, polas medidas que inclúe e que, unhas directamente e outras indirectamente, repercutirán de maneira decisiva nesta zona da provincia. Candia declarou: “O Plan de Reactivación deseñado pola Xunta será un impulso fundamental para a Ribeira Sacra”.

 

O plan que deu a coñecer o presidente da Xunta prevé unha inversión de 27 millóns de euros e cerca de 50 medidas específicas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo. Está dividido en nove bloques de execución que suporán unha inversión de 11 millóns na actividade turística e 10,6 millóns no sector cultural, reforzados con 5,1 millóns de euros con medidas transversais enmarcadas no Xacobeo 2021.

 

Candia recordou que o plan, no ámbito turístico, ten catro eixos crave que son a reactivación da demanda e accións de promoción, a creación de novos produtos turísticos, o apoio ao tecido empresarial e mantemento do emprego, así como a formación, competitividade e innovación. Destacou o compromiso de Núñez Feijóo de que Galicia, e polo tanto A Riberia Sacra, sexa vista, porque o é, como destino turístico seguro.

 

Candia, ao fío da conversa con Fernández Guitián, fíxose eco da grave preocupación na que está sumido o sector vitivinícola polas moitas incertezas coas que ten que enfrontar o futuro. Non é menor causa desta preocupación a falta de concreción do Goberno de España en relación coa reapertura da hostalería.

 

Pola súa parte, o senador José Manuel Barreiro recordou que o PP presentou días pasados unha pregunta ao Goberno para coñecer que accións ten previstas para axudar a industria vitivinícola da Ribeira Sacra. Os populares consideran que, entre outras medidas, é preciso adoptar as que sexan precisas para que o sector non perda subvencións previstas para executar proxectos de futuro. Igualmente, demandan unha liña de axudas para paliar os graves efectos económicos da crise no sector na Ribeira Sacra.