Partido Popular de Lugo

O PP impulsará medidas para axilizar a tramitación dos contratos de obras nos concellos e bonificacións fiscais para a construción

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, sigue adiante na súa rolda de contactos mediante videoconferencia cos distintos sectores produtivos de Lugo, co fin de coñecer en que situación se atopan e como pode axudar a Administración a reactivalos. Unha destas reunións telemáticas foi co xerente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), Eugenio Corral, e co secretario da mesma entidade, José Teijeiro González. Despois do encontro, Candia explicou que as propostas do Partido Popular na provincia correspóndese practicamente coas necesidades expostas polos representantes dos construtores, e sitúanse basicamente en dúas liñas: por un lado, axilizar a contratación das obras polos concellos, e, por outro, intervención no campo tributario, para rebaixar, en función das condicións de cada concello, os impostos e taxas que afectan máis directamente á construción e á promoción de vivendas.

 

Candia indicou que o PP defenderá nos concellos e na Deputación políticas de axilidade na contratación das obras. Manifestou: “O sector, que é unha das grandes locomotoras da economía provincial, precisa unha reactivación dos contratos de obras en todas as administracións; os concellos serán parte da solución. Neste caso, hai un claro interese común porque en todos os municipios son precisas obras, máis ou menos importantes, nas infraestruturas municipais”.

 

A presidenta provincial do PP asegura que no seu partido comprenden e apoiarán tanto como sexa posible as demandas dos empresarios do sector da promoción e a construción de vivenda en canto ao establecemento de bonificacións nas taxas e impostos polos que están máis directamente afectados:  ICIO, IBI, ocupación de vía pública e obras menores.

 

Elena Candia asegura que o PP fará un esforzo tanto alí onde goberna como onde é oposición para conseguir unha maior axilidade na tramitación e concesión de licenzas de obras e de actividade, así como coas licenzas de primeira utilización.