Partido Popular de Lugo

O PP esixe explicacións a Tomé por non convocar o pleno ordinario de abril da Deputación e que reúna á xunta de portavoces

Acaba abril e a Deputación non celebrou a sesión plenaria ordinaria correspondente a este mes. No Partido Popular preocupa o desinterese do presidente da corporación provincial, o socialista José Tomé,  pola convocatoria de pleno ordinario nunha situación de crise sanitaria e económica como é a provocada polo coronavirus Covid-19. O viceportavoz popular José Antonio García di que “é evidente que aínda que só fora por asuntos directamente relacionados coa pandemia, son moitas as cuestións que deberan ser abordadas pola corporación, pero tamén hai moitos outros asuntos que no poden permanecer bloqueados”. Avisa de que o PP non permanecerá calado se o goberno pretende evitar tamén o pleno de maio.

 

Os populares din que, a estas alturas, está sobradamente demostrado que é viable celebrar sesións plenarias telemáticas. De feito, José Antonio García lembra que a Deputación xa tivo un pleno extraordinario mediante videoconferencia. Polo tanto non son dificultades de tipo técnico as que motivan que Tomé non convoque pleno ordinario. “A propia Deputación ofrece soporte técnico aos concellos para que poidan ter sesións por vía telemática”, destaca García.

 

E non sendo problemas técnicos, cal é a causa, se pregunta García, de que non se convocara o pleno ordinario de abril? El mesmo se resposta: “Por un lado, a falta de interese polo exercicio da participación democrática, xa demostrado polo presidente Tomé, que son as sesións plenarias; non lle gusta ter que escoitar á oposición, o mesmo dá que sexa para criticar a súa xestión que para facer propostas para beneficio dos lucenses. Ese é o quid da cuestión: o intento de dar a menor participación posible á oposición. Esta é unha cuestión esencialmente de concepto do que é democracia e participación. E por outro lado, eu, despois do tempo que leva ao fronte da Deputación, penso que non convocou a sesión plenaria ordinaria por pura vagancia; igual non é así, e, se estou equivocado, pido desculpas”.

 

García di que, en todo caso, non é a falta de asuntos un argumento que se poida usar para xustificar a non convocatoria do pleno. “Ademais das cuestións habituais, dos temas de xestión que son necesarios para atender as obrigas da Deputación en circunstancias normais, están todos os que teñen que ver con esta crise sanitaria que deriva en crise económica”. José Antonio García afea a Tomé que sexa incapaz de presentar un plan de intervención directa da Deputación para a reactivación económica da provincia. E, que se saiba, tampouco ten previsto nada relevante o goberno que preside Tomé para a desescalada do confinamento en Lugo. García di: “É difícil alcanzar tal nivel de parálise e inacción nunha situación tan complicada para os lucenses tanto no terreo persoal como no laboral, empresarial, comercial, etcétera”.

 

García di que espera que o presidente da Deputación convoque dunha vez á xunta de portavoces, como pide insistentemente o PP, para tratar sobre as medidas que debe adoptar o organismo provincial para propiciar que Lugo supere a crise o más rápido e da mellor forma posible. E tamén para que o presidente explique se vai convocar e cando pleno ordinario en maio. “Non había xustificación para non celebrar sesión en abril e menos aínda para non convocala en maio; sería unha grave irresponsabilidade por parte do presidente, tanto desde o punto de vista democrático como por necesidade para afrontar a crise sanitaria e as súas consecuencias económicas”. Engadiu: “Xa sabemos de que pé coxea politicamente e institucionalmente o presidente Tomé, pero a este paso, haberá que pensar tamén que Pedro Sánchez deu instrucións para facer nos distintos niveis institucionais o mesmo que fan el e os seus socios no Goberno, aos que xa está claro que molestan a oposición, os medios de comunicación críticos e as redes que non aplauden a súa xestión”.