No pleno extraordinario celebrado hoxe, o Grupo Municipal do Partido Popular (GMP) burelés votou en contra da adxudicación do novo contrato dos servicios de recollida de lixo, limpeza viaria, xestión do punto limpo e limpeza de praias, xa que “encarece un 24% o servizo, concretamente en 156.000 €/ano”.
“Dende o GMP entendemos que este asunto non debería ir ao pleno, xa que a declaración de estado de alarma, no que actualmente estamos, suspende os procedementos administrativos e, polo tanto debería terse solicitado ás empresas que se presentaron ao concurso unha declaración expresa de conformidade do acto de adxudicación, máxime tendo en conta que o servizo se está prestando pola actual empresa concesionaria”. Por outra banda, afirmaron, “o GMP sempre se opuxo a este concurso polo encarecemento que supón para os cidadáns. Ademais, cómpre lembrar que o alcalde e o PSOE defenderon a xestión directa destes servizos por parte do Concello, criticando de paso ás empresas. Agora debería explicar que intereses reais moven ao alcalde e aos seus concelleiros a adxudicar este servizo por un importe total de 816.369’85 €, cando a GESECO se lle abonan 660.215 €/ano”.
Plan Único
O GMP burelés tampouco apoiou a proposta de distribución de fondos do Plan Único da Deputación para 2020. “Resulta sorprendente que o alcalde leve este asunto ao pleno co procedemento de solicitude en suspenso, sen consensuar con ningún grupo político, presentado de urxencia na comisión informativa, e cun informe de intervención no que se fai constar que non hai diñeiro suficiente nos orzamentos para abordar a parte que o concello debe cofinanciar”, destacaron.
Para os populares, “é indigno, e un desprezo á cidadanía, aos afectados por ERTEs e aos autónomos e Pemes, que só se fixen 10.000 € para gasto corrente derivados da crise do coronavirus, e que mesmo se rebaixe máis dun 10%, concretamente 5.000 €, a partida do plan único para servizo de axuda no fogar (SAF), pasando de máis de 39.000 € a 35.000 €. Levamos escoitando a Llano desde o comezo da crise que ía tomar medidas e a día de hoxe non ten adoptado ningunha, e para presentar a que presenta sería mellor que non presentara ningunha”.
O GMP, ademais de solicitar que o asunto quedase sobre da mesa para poder consensualo cos grupos da oposición, presentou unha emenda de redistribución dos fondos do Plan Único 2020, de xeito que se incremente a partida de gasto corrente polo coronavirus, a partida de SAF, e se dedique unha parte dos fondos á reparación do peche perimetral do campo municipal de fútbol de herba artificial da Marosa, en estado lamentable e que o propio Llano prometeu arranxar con cargo a este Plan”.
Os edís do PP consideran que “Llano pensa que xa cumpre saíndo ao balcón da súa casa ás oito da tarde e nas sesións vermú dos sábados e domingos. Burela non se merece ter un alcalde que non mira polos seus veciños cando hai case que cen familias que o están a pasar moi mal, e un bo número de comercios, autónomos e locais de hostalería poida que non volvan a abrir. O único que se lle ocorre e facer peonil o trama arranxado de Rosalía de Castro para que a xente saia pasear. Simplemente incrible”, sentenciaron.