“Chegou á presidencia e fixo instalar un cronómetro no salón de plenos para controlar os tempos das intervencións. Niso foi tan eficaz como en poñer orde de xeito expeditivo no seu partido. Pero, a partir de aí, co socialista José Tomé a Deputación chega tarde a todo, en todas as áreas de xestión”. Así resume o portavoz popular, Javier Castiñeira, a traxectoria de Tomé ao fronte do organismo provincial. “A súa demostrada ineficacia na xestión resulta especialmente grave nunha crise sanitaria e económica como a que atravesamos”, di tamén Castiñeira, que cualifica de “impresentable e inexplicable que a Deputación estea aínda agora facendo o primeiro reparto de material sanitario de seguridade fronte ao Covid-19”.
Para o portavoz popular na Deputación constitúe un feito incontestable que “o presidente do cronómetro sempre chega tarde en materia de xestión”. Como exemplo do que di, cita que o 7 deste mes a Xunta entregou material sanitario de protección a 115 centros asistenciais de Lugo, e houbo que esperar ata o 28 para que a Deputación aportara ese tipo de material ás súas propias residencias. O dato, di Castiñeira, é revelador. “Está claro que o cronómetro que Tomé fixo instalar no salón de plenos para controlar o tempo de intervención dos deputados, que non os del, funciona ben; pola contra, o cronómetro do presidente no vai nada ben, se xulgamos pola súa xestión”.
Castiñeira xa avisou nalgunha ocasión anterior a Tomé de que “corre o risco de pasar á historia como o peor presidente da Deputación, polo menos no actual período democrático”. Para o portavoz popular, por chegar tarde, chegou tarde ata para darse conta de que o primeiro e único pleno celebrado xa baixo as normas de confinamento, tiña que ser telemático. O PP tivo que insistir unha e outra vez e demostrar mediante unha resolución xudicial que tiña que ser así.
O portavoz do PP na Deputación sinala: “Tomé tamén chegou tarde á compra de material sanitario de protección contra o Covid-19. Primeiro dixo que non pensaba compralo para non interferir con outras administracións nun mercado que resultaba moi complexo; pero, claro, tivo que acabar comprando. Outra vez tarde, e xa se verá se ben ou mal”.
Castiñeira tamén destaca que Tomé desoíu as propostas do PP para reunir á xunta de portavoces e contactar con todos os sectores produtivos, para ver como pode ser máis eficaz a Deputación para a reactivación económica. “Tarde tamén nisto, e mal; ao final fixo o que se lle dixera, e xa fixera o grupo provincial do PP, pero executouno sen xeito e, polo visto ata o de agora, sen que tivese tradución en medidas reais”, engadiu Castiñeira.
Os populares afean a Tomé que non convocase a sesión plenaria ordinaria correspondente a abril, pese a que xa quedou demostrado que non hai problema algún para que as sesións se celebren por medios telemáticos.
Agora que se inicia a desescalada no confinamento, é preciso, di o portavoz popular, que a Deputación deseñe a súa propia folla de ruta para colaborar no retorno á normalidade na provincia. Teme que o goberno presidido por Tomé non teña nada realmente preparado para afrontar esta etapa. “Sospeito que tamén neste caso, Tomé sexa o presidente do cronómetro que sempre chega tarde en todas as áreas de xestión”, declarou Castiñeira.