O PP de Monforte está convencido de que para saír o mellor posible da crise provocada polo coronavirus Covid-19 é necesaria a cooperación de todos os sectores do municipio. A portavoz popular, Katy Varela, xa deixou clara en varias ocasións a vontade de colaborar do seu partido, en xeral, e do grupo municipal en particular. Co ánimo de sumar, de aportar ideas e iniciativas que resulten útiles, Varela presenta varias propostas ao goberno municipal, presidido polo socialista José Tomé.
Entre as iniciativas que o grupo municipal do PP cre que se deben desenvolver figura a creación dunha comisión para impulsar a reactivación económica no municipio. Os populares din que debe estar integrada por representantes de distintos sectores sociais e produtivos co fin de estudar que medidas pode aplicar o Concello, cos seus propios recursos, para axudar a que a saída desta difícil conxuntura se produza nas mellores condicións posibles. A portavoz popular considera que na comisión que propón deben estar representados, ademais dos grupos municipais, como mínimo, o Centro Urbano Comercial, Consello Regulador da Ribeira Sacra, Consorcio de Turismo, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, sector gandeiro, empresarios da hostalaría e turismo, Confederación de Empresarios e a banca, entre outros sectores, como asociacións de veciños, Cruz Vermella, etcétera.
Por outro lado, no aspecto máis puramente sanitario da crise, o PP solicita un maior esforzo do servizo municipal de limpeza para desinfección de rúas e de espazos públicos urbanos. Igualmente, quere que se intensifique o control sobre a calidade destas tarefas, que considera de gran importancia agora que comeza a desescalada no confinamento.
Por outro lado, os populares reclaman ao alcalde a convocatoria dunha sesión de pleno ordinaria, xa que non se celebraron as correspondentes a marzo e abril. Katy Varela recorda que só houbo unha sesión de carácter extraordinario, que non pode substituír as ordinarias. Sinala que o pasado pleno extraordinario demostrou que non ofrece ningunha dificultade o feito de que teñan que ser reunións telemáticas.