Partido Popular de Lugo

O PP de Lugo avoga por unha “flexibilización” dos ERTEs para que na desescalada estes non se convertan en EREs

A presidenta provincial, Elena Candia, acompañada novamente dos senadores José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela, mantivo unha reunión telemática de traballo co presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e de Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, na que abordaron o futuro que se lle presenta ao sector a consecuencia da crise sanitaria do Covid-19.

 

Na xuntanza, enmarcada na rolda de contactos que os populares, encabezados por Elena Candia, veñen mantendo nos últimos días, destacouse a necesidade de que o Goberno “flexibilice” os ERTEs. É dicir, que cando comece a desescalada os negocios poidan abrir en condicións seguras e que estes Expedientes de Regulación Temporal non se convertan en EREs. “Esta será a maneira de manter a actividade”, expuxeron.

 

Precisamente, os senadores apuntaron que xa teñen rexistrada unha iniciativa para demandar ao Executivo que clarifique cando ten previsto ingresar aos lucenses e galegos afectados polos Expedientes de Regulación de Emprego Temporal a correspondente prestación, xa que, “levamos mes e medio con negocios pechados e moitas persoas seguen sen cobrar a súa prestación”.

 

Os populares, que amosaron a súa preocupación pola situación que se lle presenta ao tecido socioeconómico e empresarial da provincia, unha vez que o Goberno levante o estado de alarma, trasladaron ao dirixente da APEHL que, xa se anticiparon e presentaron outras medidas para que o Executivo estatal palíe os efectos económicos que trae aparellados a pandemia. É o caso da petición de deseño e aplicación de actuacións específicas destinadas ao sector servizos e do comercio minorista que contribúan a solucionar o problema dos arrendatarios de locais de negocio para facer fronte ao pagamento do alugueiro durante o período no que estean obrigados a clausurar a súa actividade.

 

“Pensamos que o presidente debe ter un proxecto de país para a nova normalidade que se nos aveciña. Dende logo, nada vai ser coma antes e o que non pode ser é que nunha provincia como a nosa, na que o turismo e a hostalería teñen un papel moi relevante na economía, non se lles garanta aos nosos empresarios os recursos para poder manterse abertos, así como os postos de traballo que xeran”, concluíu a presidenta.