O Grupo Municipal do PP do Páramo propón que os orzamentos municipais deste ano dirixan as partidas económicas destinadas a sufragar a celebración de festas, actos e iniciativas que non se poderán desenvolver á implantación de medidas de apoio aos sectores produtivos afectados pola crise do coronavirus.
Concretamente -a través dun documento que a voceira popular, Verónica Arias, vén de rexistrar no Concello- solicitan “liñas de axudas a autónomos e pequenas empresas que viron reducidos os seus ingresos parcial ou totalmente debido á diminución ou paralización da súa actividade produtiva co estado de alarma decretado polo Goberno como medida de contención da pandemia derivada do Covid-19”. Así mesmo, tamén defenden que “o Concello complemente o 30% do seu salario que deixarán de percibir os traballadores afectados por algún ERTE”.
A popular explica que “os traballadores, autónomos e pequenas empresas do noso concello están a vivir un dos maiores momentos de incerteza das súas vidas” e, por iso, considera “fundamental” que o Concello estableza “medidas económicas urxentes” para aportar liquidez “aos que máis o necesitan” que son os que “xeran emprego e actividade económica e, polo tanto, que dan vida ao noso rural”.