Partido Popular de Lugo

Cubillas solicita ao alcalde a convocatoria da xunta de portavoces para consensuar as bases das axudas ao impulso da actividade económica en Láncara

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Láncara, Santiago Cubillas, solicita ao alcalde a convocatoria da xunta de portavoces en relación ás axudas ao impulso da actividade económica no municipio que ten anunciado o Concello para paliar os efectos do Covid-19. Así o indica logo de que o rexedor anunciase que a entidade local ten previsto establecer distintas achegas aos afectados pola crise do coronavirus.

 

A este respecto, o popular amosa non só a súa plena vontade a participar nesta xuntanza que pode ser, di, “telemática, presencial gardando a distancias recomendadas, ou ata  por teléfono”, senón tamén a colaborar para que, “entre todos, busquemos que estas axudas sexan o máis eficaces posible”.

 

O popular valora a intención do goberno local pero considera que “as bases destas axudas se deben consensuar entre tódolos grupos con representación da corporación municipal”, co fin de que estas achegas revertan en todos os sectores afectados. É o caso dos negocios, de todas as empresas que tiveron que pechar as súas portas e tamén do sector gandeiro; “o principal motor económico do noso concello e outro dos grandes prexudicados”, remarca.

 

Cubillas sinala que “xa son xa varias as semanas nas que os salóns de peiteado, bares, tendas, etc. permanecen sen actividade e, polo tanto, sen ingresos”. O mesmo lles acontece, di, aos produtores de gando vacún que, “co descenso da demanda, o prezo das canais tamén baixou e, incluso, hai gandeiros que están xa tendo importantes perdas”, subraia.

 

“Exercicio de responsabilidade e solidariedade”

Por este motivo, o popular fai esta petición ao dirixente socialista. Trátase, segundo apunta, “dun exercicio de responsabilidade e solidariedade cos veciños e veciñas de Láncara ante esta delicada situación”.

 

O popular convida, polo tanto, ao rexedor a aceptar a súa proposta e recorda, ademais, que “o goberno local ten adoptado noutras ocasións medidas suxeridas polo Grupo Popular”. Foi o caso da “utilización de maquinaria municipal para realizar labores de desinfección nos exteriores de lugares públicos que puideran contar cunha maior concorrencia de persoas ou a posta a disposición do colexio para colaborar coas familias que puideran necesitar algún tipo de servizo”, explica.