Partido Popular de Lugo

O PP insiste en reclamar un plan da Deputación de apoio ao sector produtivo e di que a carta de Tomé aos concellos demostra que improvisa

Á vista da persistente negativa do presidente da Deputación, José Tomé, a abrir unha liña de axuda directa ao tecido produtivo e diante da súa teima de que todo o apoio local chegue á economía lucense a través dos concellos pola vía do  Plan Único, o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, insiste nas súas propostas para axudar a que a provincia recupere o pulso económico. Castiñeira declarou esta mañá: “Eu non sei se o presidente da Deputación se equivoca só ou alguén no seu equipo o está levando a cometer un grave erro, que vai ter unha incidencia moi negativa na reactivación da economía provincial cando remate o confinamento debido ao Covid-19. Nunca poderá explicar convincentemente por que se nega a deseñar e a aplicar un plan de intervención directa da Deputación para apoiar a autónomos, empresas, ao comercio, en fin, a todo o tecido produtivo; nós, o PP, insistimos: é necesario e urxente ese plan e, de novo, lle dicimos que o Plan Único, tal como está, non é a vía para o tipo de apoio que nos reclamamos para os sectores produtivos”. Destaca que hai técnicos que teñen serias dúbidas de que o Plan Único se poida usar como di o presidente da Deputación. O portavoz popular lamenta que o socialista Tomé, falto de argumentos, utilice o ataque persoal nunha carta institucional, de contido claramente político, enviada aos concellos; cre que a carta é a mellor demostración da improvisación coa que actúa o goberno provincial.

 

Castiñeira suxire que, en última instancia, como mal menor e para evitar problemas no futuro aos concellos, a Deputación debe sopesar a posibilidade de corrixir a parte das bases na que se regula o uso dos cartos do Plan Único para adoptar medidas fronte a crise.

 

O PP cre que a Deputación non pode limitar ao Plan Único a súa intervención para a recuperación do pulso económico da provincia. “No PP consideramos que é precisa unha intervención directa da Deputación con medidas de apoio ao tecido produtivo. E para iso debe botar man de parte dos remanentes de que dispón, que, como é sabido, totalizan 60 millóns; non se pode deixar de intentar esta vía diante da grave situación económica que xa viven algúns sectores e que vai ser dura nos próximos meses”. O portavoz popular sostén que “a Deputación non pon nin un só euro a maiores para axudar ás empresas lucenses afectadas pola crise do Covid-19, nin no Plan Único nin no de Subvencións nin noutro plan específico, que é o que pide o Partido Popular”.