Dende o PP de Burela manifestan que “o alcalde Llano non aburre a ninguén, o último exabrupto consiste en sacar peito da súa incapacidade de xestión”. Así o declara a vicevoceira popular, Yovana Oroza, pois o rexedor “anunciou o pleno dos presupostos en febreiro, logo en marzo e, ultimamente, o 16 e o 30 de abril”. E, “finalmente, o pleno clave para o funcionamento anual do Concello, será case que a mediados de ano, engordando así o retraso administrativo que arrastra a casa consistorial”, indica Oroza.
E segue, “o tan anunciado pleno telemático, como non, xa hai case que un mes, vai a servir agora para aprobar o contrato de recollida do lixo e limpeza viaria máis caro da historia”. “Concretamente, uns 120.000 euros máis caro ca o anterior, que xa era caro de por si”, e isto “non tería maior importancia se non fora polo contexto de crise socioeconómica que estamos a vivir”.
Ás sorprendentes declaracións feitas polo titular municipal, “agora mesmo corresponde ser rigorosos cos temas de medio ambiente e nós queremos estar aí tamén”, a popular lémbralle que “menos mal, cando parece ser que non tocaba ser moi rigorosos co medio ambiente foi cando, por exemplo, por non levar a cabo o mantemento do emisario do Porto que provocou que Burela perdera a súa bandeira azul na praia do Portelo”.
E por último “resultan, non menos sorprendentes, as súas declaracións que, despois de máis dun mes da declaración do estado de alarma, o goberno local estudará como minimizar o impacto que o Covid-19 terá no tecido empresarial de Burela”. “Ao que nós engadimos, non era sen tempo, se Llano espera un pouco máis ao mellor os empresarios de Burela son capaces de saír da crise sen que el, coma sempre, faga o que se espera del, absolutamente nada”, sentencia Oroza.