Partido Popular de Lugo

Iniciativa do PP na Deputación en apoio dos traballadores das ETT de Alcoa

O portavoz do grupo provincial do PP, Javier Castiñeira, prosigue a súa rolda de contactos con representantes dos sectores produtivos de Lugo, con fin de coñecer de primeira man as necesidades de cada un deles, de modo que a Administración poida artellar as medidas de axuda máis eficaces para a reactivación da economía. Nesta rolda de conversas telefónicas, un dos interlocutores foi o presidente do comité de Alcoa-San Cibrao, José Antonio Zan, que, entre outros aspectos, expuxo a súa preocupación pola falta de cumprimento ata o momento dos compromisos en relación cos traballadores das ETT de Alcoa, que son os que sofren máis intensamente as consecuencias da redución da produción.

 

Despois de escoitar a Zas, o portavoz provincial do PP anunciou que o seu grupo presentará unha iniciativa na Deputación, co fin de que esta institución se dirixida a dirección de Alcoa para expoñer a necesidade de que se manteña a práctica habitual en relación coa incorporación do persoal contratado por medio de ETT. Esta nova iniciativa súmase as xa defendidas polo PP na Deputación para garantir o futuro de Alcoa-San Cibrao, unha industria fundamental para A Mariña, en concreto, e para a provincia de Lugo no seu conxunto. Castiñeira di que o PP quere e confía en que os traballadores manteñan as mesmas condicións que ata o momento.

 

Na mesma conversa co presidente do comité quedou claro que a preocupación dos traballadores polo futuro da empresa é moi grande, pese á baixada do custe da enerxía eléctrica ao fío da crise sanitaria e das súas repercusións económicas.

 

O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, declarou: “O Partido Popular ten demostrado con total claridade o seu apoio á continuidade de Alcoa-San Cibrao e aos seus traballadores. Agora daremos un paso máis, atendendo á preocupación expresada polo presidente do comité de empresa, e defenderemos unha nova iniciativa na Deputación. Espero que o goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, apoie sen dúbidas a nosa proposta e non enrede como fixo en anteriores ocasións”.

 

Castiñeira tamén dixo: “De momento, o Goberno presidido por Pedro Sánchez nada eficaz fixo para garantir o futuro de Alcoa-San Cibrao, se ben é certo que, conxunturalmente, a baixada do prezo da enerxía eléctrica constitúe un alivio temporal; no PP seguiremos demandando a aplicación das medidas necesarias para que Alcoa-San Cibrao siga adiante por moitos anos”.