Partido Popular de Lugo

Candia e o grupo popular de Guitiriz tenden a man aos veciños e ás outras forzas políticas para superar a crise causada pola covid-19

A presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, analizou co Grupo Municipal Popular guitiricense nunha reunión telemática as necesidades do municipio na que tenderon a súa man aos seus veciños e veciñas, para dar voz ás súas demandas, e tanto a eles como aos demais grupos políticos para achegar propostas e traballar intensamente para superar a actual situación de dificultades económicas derivas da crise sanitaria provocada pola covid-19.

 

A máxima dirixente popular da así continuidade á rolda de xuntanzas que está a levar a cabo cos representantes populares dos veciños e veciñas nas distintas administracións. Nesta ocasión escoitou aos populares de Guitiriz que lle explicaron que “non foron convidados os distintos grupos da corporación municipal” á visita do presidente da Deputación, José Tomé, para asinar a acta de reinicio do replanteo das obras do centro de atención a maiores, pese a que “se trata dun asunto de relevancia para o noso concello”.

 

O PP, a favor de servizos de calidade para os veciños

Os populares sinalaron que dixeron si á residencia e explicaron que a actual ubicación nunca lles pareceu a máis axeitada. “Agora demóstrase que o PP tiña razón sobre a elección do edificio coñecido como a Casa da Botica para a construción da residencia de Guitiriz porque isto provocou que fose necesario realizar un proxecto moi difícil de sacar adiante. Tanto se demorou que chega máis tarde do que era desexable”.

 

Para o Partido Popular guitiricense, “a ubicación elixida para a residencia non é a idónea para esta función, por un lado; e, por outro, pola falta de espazo para zonas axardinadas, zona de aparcamento e dun acceso amplo dos vehículos ás instalacións -como poden ser as furgonetas ou as ambulancias-; ademais da escaseza do número de prazas e a dificultade que terán os nosos veciños e veciñas para acceder a elas debido ao prezo que deberán pagar por cada unha”. Con todo, “o PP de Guitiriz sempre estivo a favor da construción dunha residencia de maiores porque é un servicio necesario para o noso concello e sempre estaremos a favor de ofrecer servizos de calidade aos nosos veciños”, incidiron.

 

Medidas da Deputación para a reactivación económica do municipio

Os populares de Guitiriz lamentaron, igualmente, que o presidente do organismo provincial visitara o municipio recentemente no que, na práctica, é período de precampaña para as eleccións autonómicas e non aproveitara para informar da súa xestión sobre outras necesidades e asuntos de interese para os guitiricenses.

 

Ademais da roza de maleza nas beiras das estradas da rede viaria provincial, dende o PP guitiricense destacan que é necesario que a Deputación aplique no municipio un plan de reactivación económica pos-covid, con medidas de apoio directo aos sectores produtivos que se viron prexudicados pola crise ocasionada polo coronavirus, e do que se podan beneficiar os sectores do municipio.