Partido Popular de Lugo

O PP de Burela rexistra un segundo paquete de medidas encamiñadas a mitigar a crise do Covid-19

 

O Grupo Municipal do Partido Popular (GMP) burelés presentou, a principios desta semana, unha petición de aplicación dun segundo paquete de medidas para paliar os efectos tanto sanitarios, coma socias e económicos, que está a provocar a pandemia orixinada polo coronavirus. Os populares, por boca do seu portavoz, Manuel Rouco, consideran que “o Concello non pode deixar solos nin aos autónomos nin aos pequenos empresarios, pero sobre de todo non pode deixar desasistidas ao cento de familias que están a sufrir de forma directa o impacto desta crise”.

 

Rouco considera que a entidade local ten que tomar medidas sanitarias no ámbito da súa competencia: “o concelleiro de Sanidade, José Díaz, está preparando a presentación dun novo libro; parécenos moi ben. Pero aínda non sabemos nin o número de elementos de protección individual, máscaras e luvas, por exemplo, que se teñen recibido por parte do concello nin cal foi o seu reparto, e estas competencias son de Díaz, que cobra unha dedicación parcial que lle pagamos entre tódolos bureleses e burelesas. Podía facer un xesto, polo menos, e anunciar que reducirá o presuposto de Cultura no presente ano para dotar partidas de axudas socioeconómicas”, afirma.
“Tampouco temos coñecemento de ningún plan de desinfección, que é competencia do concello, e iso que o temos solicitado por escrito”, engade Rouco.

 

O portavoz popular considera que tanto “Alfredo Llano e José Díaz, alcalde e concelleiro de Sanidade, xa están tardando en mercar luvas, máscaras e/ou pantallas infantís para distribuír entre os menores de 14 anos que poderán saír a partires do domingo, e o mesmo lle pedimos para distribuír entre a poboación adulta, como están facendo outros concellos, casos de Mondoñedo ou Monforte, sobre de todo entre a poboación de risco, coma os maiores de 65 anos”.

 

Manuel Rouco lembra que o pasado 17 de marzo presentamos por escrito un paquete de medidas “aos que o alcalde non fixo nin caso, mesmo desprezándoas nunha xuntanza do comité de seguimento da crise. Pois ben, daquela solicitamos a redución proporcional ao cese da actividade do IBI, ou polo menos o aprazamento do pago do mesmo,  para os autónomos e pequenos empresarios; solicitude que reiteramos porque nos parece de sentidiño. Tamén solicitábamos o mesmo trato cos recibos do lixo e da auga. Non se nos fixo nin caso, e a día de hoxe o alcalde non ten tomada ningunha decisión ao respecto”.

 

“Pois ben, nesta segunda petición de medidas que presentamos esta semana por escrito a través do rexistro electrónico”, sinala Rouco, “tamén demandamos que se tramite unha axuda de, cando menos, o 25% do recibo de autónomos, durante o estado de alarma, para todos aqueles empresarios que foron afectados por esta situación excepcional. E tamén a posta en marcha dunha axuda que permita o adianto da contía individual dos ERTEs, polo menos do 50% desta, para todos aqueles veciños e veciñas do noso Concello que, véndose afectados/as por esta figura e nunha situación particular de especial vulnerabilidade do seu núcleo familiar, aínda non viran retribuída dita contía”.

 

O portavoz popular engade que “a axuda ás persoas afectadas polos ERTEs e en risco de exclusión socioeconómica pode e debe artellarse a través da partida económica, debidamente ampliada, de 17.500 euros que xa figura nos orzamentos de 2019 prorrogados para o presente ano e en vigor”.

 

Manuel Rouco indica que “se os autónomos, pequenos empresarios e familias afectadas por esta crise xa se están apertando o cinto, o concello ten que facer o mesmo e ser solidario co noso tecido socioeconómico. A xente xa está farta do discurso baldeiro de Llano, falto de iniciativa e de solucións. Semella vivir noutro mundo, logo de levar case que seis semanas de paralización da actividade económica. Iso si, el segue cobrando o mesmo”.

 

Rouco considera que “Llano debe, de inmediato, artellar as medidas de aplicación da parte do superávit económico do que tanto presume, para habilitar fondos para axudar ao tecido socioeconómico do noso concello. Non é de recibo ver como outros concellos activan medidas económicas e aquí, en troques, ímonos de viaxe virtual ou presentamos libros”, conclúe.