A presidenta provincial do PP, Elena Candia, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia cos membros do grupo provincial, que ten por portavoz a Javier Castiñeira, na que se analizou o momento que vive a provincia como consecuencia da crise sanitaria debida ao coronavirus Covid-19 e as consecuencias económicas que se derivan do confinamento. A presidenta provincial iniciou coa reunión de hoxe unha rolda de encontros telemáticos con todos os alcaldes e portavoces populares na provincia.
No transcurso da reunión co grupo provincial, constatouse o inmobilismo da Deputación, en todos as frontes, nunha situación na que debera ter xogado xa e estar xogando un papel fundamental no apoio aos concellos e aos sectores produtivos da provincia. Elena Candia sinala: “A Deputación, presidida polo socialista José Tomé, está moi lonxe de cumprir o papel que lle corresponde nunha situación como esta. Realmente non se entende que, mentres a Xunta e os concellos fan canto está nas súas mans, a Deputación practicamente nin se movera, ata que, por fin, e despois da presión que fixo o PP, se decidiu a comprar material de protección sanitaria; agora está por ver con que criterios distribúe este material”.
Candia, despois da reunión co grupo provincial, destacou que a Deputación non só tiña que haber intervido para axudar aos concellos, polo tanto aos lucenses no aspecto puramente sanitario da crise, senón tamén, e moito máis agora e nos próximos meses, para paliar as consecuencias económicas do necesario confinamento da poboación. “Se o presidente Tomé escoitase á sociedade lucense sabería que é necesaria a intervención de todas as administracións para reactivar a economía; todos os sectores produtivos están en situación moi difícil. O presidente da Deputación empezou a falar cos diferentes sectores despois de que o grupo provincial o solicitase insistentemente; é hora de que cos recursos da institución, con acordo cos sectores produtivos, se poñan en marcha medidas para axudar á reactivación da economía. A maior parte dos concellos fan todo o que poden nesta liña, pero a súa capacidade é moi limitada e é preciso que a Deputación dea un paso decidido cara adiante”.
Igualmente, a presidenta provincial do PP insta a Tomé a entender que é o momento de presentar un proxecto de provincia, porque a Deputación non pode seguir ausente nestas circunstancias dado que é unha peza clave para saír da crise.
Por outro lado, ao fin da reunión a presidenta provincial do PP indicou que é necesario, nunha situación como esta, que os partidos non utilicen os recursos con ánimo partidista e buscando réditos políticos.
Candia expresou o seu pesar polo falecemento das vítimas do coronavirus. Destacou que Lugo é unha das provincias con menos falecidos a causa do Covid-19 e agradeceu o esforzo que fan os cidadáns e a Administración, entre a que citou á Xunta e os concellos. A presidenta provincial do PP tivo palabras de especial agradecemento ao persoal sanitario, das forzas e corpos de seguridade, Protección Civil, bombeiros, forzas armadas, traballadores de supermercados, limpeza, repartidores e, en xeral, para todos aqueles que están en primeira liña nesta crise.
Pola súa parte, o portavoz do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, recordou as iniciativas presentadas na Deputación e como o presidente, José Tomé, acabou por facer, nalgúns casos, o que lle dicían os populares, pero, nun xesto de arrogancia política absolutamente fora de lugar, sen contar para nada con eles. Castiñeira recordou que o presidente Tomé tivo que admitir que o pleno pasado se celebrase telematicamente; tamén iniciou contactos con sectores produtivos, como lle dixo o PP, pero sen contar en absoluto co grupo provincial popular. E tamén como lle dixo o PP, recordou Castiñeira, tivo que comprar material sanitario de protección fronte ao coronavirus. Declarou: “O presidente Tomé segue se querer buscar o consenso que lle ofrece o grupo con máis deputados, o meu, o do PP, para deseñar as medidas que axuden a recuperar a actividade económica na provincia; Tomé está danando a imaxe da Deputación ao ser a Administración que menos compromiso ten coa provincia; corre o risco de pasar a historia como o presidente da Deputación que non soubo facer o seu papel nunha situación moi difícil nos planos sanitario e económico”. Castiñeira expresou a preocupación dos deputados provincias do PP porque a Deputación segue sen poñer un só euro a maiores, ademais da compra de material de protección sanitaria, para combater esta crise en todas as súas frontes.