Partido Popular de Lugo

O PP reclama que se fixen e publiquen os criterios que seguirá a Deputación para o reparto do material de protección contra o Covid-19

“Unha vez máis, o presidente da Deputación acerta cando rectifica” dio o viceportavoz do grupo provincial do PP José Antonio García, á vista da decisión do socialista José Tomé de comprar material sanitario de protección fronte ao Covid-19 case un mes despois de que se negara a facelo a petición do Partido Popular no transcurso do máis recente pleno (celebrado por vía telemática). O PP esixe criterios claros, transparentes e xustos para a distribución dese material entre os concellos.

García di que no PP recibiron con satisfacción a noticia de que a Deputación compra material de protección sanitaria fronte ao coronavirus, tanto para o seu persoal como para distribuír entre os concellos da provincia. José Antonio García sinala: “É unha medida que chega tarde, mal e arrastro, pero, con todo, o importante é que, por fin, o presidente Tomé rectificou e, como ocorre con moita frecuencia no seu caso, acertou. É unha pena que perdera tanto tempo en tomar unha decisión que o PP levaba tempo pedíndolle insistentemente”. O mesmo representante popular lembrou que, na sesión plenaria celebrada telematicamente, Tomé dixo que non quería comprar ese material para non facer a competencia a outras administracións que xa estaban en proceso de adquisición porque o mercado estaba moi difícil.

José Antonio García di que, unha vez decidida a compra, é preciso que a Deputación fixe un protocolo, criterios claros, transparentes e xustos para a distribución do material sanitario de protección. O viceportavoz popular di: “É necesario que cada Concello, que os veciños de cada municipio de Lugo, saiban canto material lles corresponde e por que”. Nesta liña, José Antonio García pon como exemplo á Xunta de Galicia, que da a coñecer en detalle a distribución do material de protección. “Hai que facer público o protocolo que se seguirá pola Deputación para que todos os veciños da provincia teñan información detallada e puntual”.