Partido Popular de Lugo

O PP demanda ao Goberno que explique cando os lucenses afectados polos ERTEs van cobrar a prestación que lles pertence

O Partido Popular demanda ao Goberno que explique as medidas que ten previsto para que os lucenses afectados polos ERTEs cobren xa a prestación que lles pertence. O senadores, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela, veñen de rexistrar unha pregunta neste senso na Cámara Alta, advertindo que son unhas 4.000 empresas da provincia as que se viron obrigadas a solicitar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego por mor da crise sanitaria.

A aparición da pandemia, ademais das de saúde pública, ten graves consecuencias para a economía en xeral. En Lugo, foron incluídos no modelo indicado máis de 14.000 traballadores que, a día de hoxe, aínda non saben cando van percibir a prestación correspondente, debido á xestión deficitaria do SEPE. “14.000 lucenses que teñen vivendas que soster ou facturas que pagar e que, nestes momentos, a súa economía depende da axilidade do departamento estatal que, lamentablemente, non está a actuar coa dilixencia que debería”, relatan na súa iniciativa os senadores populares.

E é que o atasco na tramitación do ERTEs provoca que a gran maioría dos afectados non cobren ata comezos de maio, no mellor dos casos, ou incluso ata xuño. Esta dilación “inaceptable” nos prazos está a ocasionar incertidume en moitas familias que non saben como van afrontar os seus gastos mensuais, ao descoñecer cando van a recibir os ingresos que lles pertencen.