O portavoz do PP en Viveiro, Óscar Rodríguez, participou na reunión telemática mantida esta tarde polos representantes da corporación municipal con presidentes de asociacións de comerciantes para analizar a situación creada no sector pola crise sanitaria, así como para estudar como abordar a reactivación do mesmo en canto finalice o confinamento. A representación empresarial estivo integrada por: Dolores Pérez, presidenta da asociación do Centro Comercial Casco Histórico; Domingo González, da asociación Beiras de Viveiro (Covas-Cantarrana) e por José Carlos Paleo, da Federación de Comercio da Mariña. Rodríguez considera que a Deputación debe establecer con urxencia vías de apoio económico ao sector no municipio.
O popular Óscar Rodríguez, veterano comerciante viveirense, deixou claro que coñece ben a problemática do sector porque a vive en primeira persoa. Expresou o seu total apoio ás demandas dos representantes dos comerciantes. Entre outras medidas, queren que se reduza a presión tributaria no que atinxe ao Concello, mediante a suspensión ou aprazamento de impostos e taxas, segundo os casos, como recollida de lixo, pasaxes permanentes, terrazas, ocupación de vía pública, etcétera.
Por outro lado, Rodríguez puxo o foco no relevante papel que, ao seu xuízo, lle toca xogar á Deputación. Neste sentido, o portavoz popular di que o organismo provincial goza de moi boa saúde económica. Destacou que ata agora a Deputación non aportou nada de material de protección sanitaria fronte ao coronavirus ao concello de Viveiro e, polo tanto, o seu esforzo económico con respecto a este municipio nesta crise aínda está por facer na súa totalidade. Por iso, considera que a Deputación ten que apoiar ao sector do comercio, decisivo na economía de Viveiro. Nesta liña, recordou que as asociacións de comerciantes reclaman fondos públicos para una campaña potente de promoción.