Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba propón ao goberno local “reducir proporcionalmente taxas e impostos” aos negocios durante o período no que permanezan sen actividade

O PP de Vilalba esixe ao goberno local “medidas concretas”, tal e como están a implantarse noutros concellos,  para contribuír a paliar a crise económica que atravesan autónomos e pequenas empresas do sector comercial do municipio que se viron obrigados a pechar polo estado de alarma decretado para conter a situación de emerxencia sanitaria do Covid-19. Tendo en conta que “os comercios e os establecementos hostaleiros están pechados, non é xusto que teñan que pagar taxas cando os seus ingresos son de 0 euros” e, polo tanto, propoñen os populares “a redución do cobro de taxas de servizos municipais coma a auga ou o lixo durante o período no que permanecen pechados os negocios afectados; así coma a redución proporcional dos impostos do IBI e o IAE”.

Así o manifestan dende a formación popular ante o anuncio dun plan por parte do Concello que “chega máis dun mes despois de ser decretado o peche de comercios e establecementos hostaleiros e ante unha situación que afectou tamén a tódolos sectores produtivos”. Os populares consideran, a este respecto, que “o plan anunciado non soluciona os actuais problemas dos autónomos, pequenas empresas e comercios locais” porque “neste delicado momento que atravesan debido á redución da súa actividade e, polo tanto, dos seus ingresos precisan liquidez de forma inmediata”.

Co obxectivo de axudar a un sector moi prexudicado ao mesmo tempo que permite ofrecer servizos aos veciños que necesiten facer compras nos comercios vilalbeses, dende a Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba xa tiñan anunciada a posta en marcha dun servizo de venda online e entrega de produtos do comercio local a domicilio, a modo dun “pequeno amazon”. Así, “unha vez que xa existe unha  iniciativa deste tipo, o Concello debería amosar o seu apoio ao sector nestes momentos e colaborar na súa posta en marcha en coordinación coa asociación de empresarios que xa ten convidado á administración local”.

Vontade de colaboración dende o tecido empresarial vilalbés
“Mentres que o colectivo de empresarios, que conforman o pulmón económico vilalbés, ten xa posto en marcha en colaboración con entidades privadas a plataforma colaborativa Vilalba Suma, www.vilalbasuma.org; o goberno PSOE-Vilalba Aberta estivo ausente”, condenan dende o PP.

É máis, “como xa temos denunciado noutras ocasións, ten abandonado ao colectivo de empresarios ao que aínda non recibiu dende a formación do goberno e ao que tampouco informa sobre asuntos que lles afectan ao colectivo ou que poidan ser do seu interese coma, por exemplo, as obras a acometer nas inmediacións do polígono industrial”. De feito, a súa ampliación “está paralizada dende fai meses e o pintado das vías, totalmente esquecido”, censuran os populares.

Precisamente ante esta situación de crise sanitaria e económica -e, polo tanto, social- na que está a destacar a vontade de colaboración entre veciños e empresas, os populares esíxenlle ao goberno local vilalbés “un esforzo para responder do mesmo xeito que o están a facer as empresas vilalbesas”. 

Os populares, pola súa banda, agradecen ao sector agrario, da alimentación e do transporte que teñen realizado doazóns e traballan durante este período de confinamento para garantir a distribución de alimentos e outros produtos esenciais. E, do mesmo xeito, poñen en valor o traballo diario que levan a cabo “sanitarios e farmacéuticos, Garda Civil, Policía Local, bombeiros, Protección Civil, Cruz Vermella, coidadores, agricultores e gandeiros, transportistas e todos os traballadores en xeral que fan posible que o noso pobo siga cubrindo as necesidades básicas”.