“O socialista José Tomé sempre chega tarde nas institucións que goberna para dar resposta aos problemas dos cidadáns; é algo que padecen os lucenses tanto no seu papel como alcalde de Monforte como nas súas responsabilidades como presidente da Deputación”. Así enxuíza a portavoz popular, Katy Varela, o anuncio da compra de mascarillas sanitarias por parte do Concello para distribuír entre os empadroados neste municipio. Monforte, di Katy Varela, é unha das principais cidades da provincia de Lugo e resulta que o seu alcalde lémbrase de comprar este material sanitario de protección fronte ao coronavirus cando xa apenas quedan concellos na provincia, por pequenos que sexan, que non distribuíran mascarillas aos seus veciños. “Vese ben claro cal é o nivel de eficacia do alcalde de Monforte e máis do seu equipo nunha situación de crise sanitaria como a que vivimos”, di Varela.
A portavoz popular recorda que foi o seu partido, por medio do grupo provincial, o que instou reiteradamente a Tomé, como presidente da Deputación, a comprar material de protección sanitaria tanto para o persoal da institución como para os concellos. Por fin fixo caso, e, aínda que tarde e mal, e corrixíndose a si mesmo, adquiriu o material. Pois no caso de Monforte, como alcalde, pasa o mesmo, ou aínda peor. Varela manifestou: “Xa avisou o meu partido: ao socialista Tomé interésalle unicamente vender fume político; por iso non nos sorprende que, aínda que tarde e mal, intente vender como un éxito a compra, polo Concello, de mascarillas para repartir en Monforte a estas alturas; está ben que as compre, claro que si, pero é imperdoable que sexa con tanto retraso”.
A crise sanitaria xera un grave problema económico que nos próximos meses provocará graves dificultades en toda España, en xeral, e en Monforte en particular. Por ese motivo, o PP solicitou días atrás do goberno municipal que constitúa unha comisión con representantes de todos os grupos políticos e de todos os sectores sociais para deseñar as medidas que deberán ser impulsadas polo Concello para axudar a paliar as dificultades económicas de comerciantes, hostaleiros, etcétera. “E tamén neste caso, Tomé non acerta a reaccionar, non move ficha e espera non se sabe a que; é urxente, e así se lle dirá na próxima sesión plenaria, que abandone a súa zona de confort e asuma o papel que lle corresponde como alcalde”, di Varela. Engade: “Os monfortinos teñen dereito a que o seu alcalde estea a altura das circunstancias en momentos tan difíciles como os que vivimos”.
Varela declarou: “En resumo, ben está que o Concello compre mascarillas, pero é unha medida que chega tarde, moi tarde; agora, ademais do perfil sanitario da crise hai que pensar no económico, no que ten que facer a institución municipal para reactivar a economía de Monforte en canto remate o confinamento. O PP está disposto a traballar e a colaborar con decisión, e xa expuxo algunhas propostas. É hora de que Tomé deixe de vender fume político e empece a traballar en serio”.