Partido Popular de Lugo

Castiñeira: “Tomé ten que deixar de aparentar que fai e abrir vías de traballo co PP e coa sociedade para que a Deputación axude a Lugo a saír da crise”

“Non ten ideas, vai a remolque das propostas do PP, pero é incapaz de entendelas, ou non quere porque non lle interesa, e todo o seu esforzo vaise en vender fume político aos lucenses nun momento en que necesitan unha implicación real e total das institucións”. Así enxuíza o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, o anuncio feito polo presidente da Deputación, José Tomé, de que o Plan Estratéxico de Subvencións está dotado con 5,7 millóns de euros e xa foi publicado polo BOP. O portavoz popular dixo tamén: “É inaudito que o goberno provincial sexa incapaz de programar medidas especiais para facer fronte á crise; este plan é o plan anual de subvencións, non representa nada novo con respecto a exercicios anteriores. Tomé ten que deixar de aparentar que fai e abrir vías de traballo co PP e coa sociedade para que a Deputación axude a Lugo a saír da crise”.

Para os populares, o socialista José Tomé, carente de ideas propias, vai a remolque das iniciativas que propón o Partido Popular. “E nada teriamos que dicir se, realmente, fixese as cousas como se lle explican. Como non ten intención ningunha de consensuar, limítase a facer que fai, como no caso do Plan Estratéxico de Subvencións”. Agrega: “Xa o fixo antes co Plan Único, no que se limitou a permitir que os concellos dediquen a fines relacionados coa crise sanitaria unha parte dos cartos que destinará a cada municipio”.  Castiñeira recorda que o goberno provincial negouse a aceptar a proposta popular para incrementar en 700.000 euros o Plan Único.

Castiñeira declarou: “O presidente Tomé vai a remolque do que lle explica o PP. Pasou co  pleno máis recente que, como lle dixemos, tivo que ser telemático, por máis que se resistiu a que fora así. Pasou coa compra de material sanitario de protección fronte ao coronavirus, asunto no que primeiro dixo que non pensaba mercalo, pero, apurado pola presión do PP, acabou por comprar. Agora falta por saber como pensa repartilo e xa lle dixemos como ten que ser, con criterios claros e transparentes”.

Para o portavoz do PP, é evidente que a presión popular sobre o goberno provincial con propostas como a de crear unha mesa de traballo multisectorial, para decidir que medidas son precisas para reactivar a economía lucense, fan efecto. Castiñeira declarou: “Pero, de novo, por non querer facer ben as cousas, por limitarse a facer que fai, enreda intentando vender como novo (plan de subvencións) o que é o mesmo de todos os anos, e, mentres tanto, perdemos o tempo para deseñar un plan serio, estruturado, de reactivación económica, que é algo que, se escoitara aos sectores produtivos, vería que demanda toda a sociedade lucense”.

Castiñeira anima a José Tomé a cambiar o paso, polo ben de Lugo, e a convocar, como ten solicitado o PP, unha reunión telemática da xunta de portavoces da Deputación e con representantes dos distintos sectores, para crear unha mesa de traballo multisectorial na que analizar conxuntamente a situación e deseñar medidas para axudar desde a Deputación a superala. “Deixe de facer que fai e empece a traballar con todos, co grupo da oposición e con todos os sectores produtivos. A situación esixe traballo, consenso e planificación rigoroso”, di Castiñeira.